O persoal de limpeza do Hospital Clínico maniféstase contra a precariedade e a sobrecarga de traballo

Denuncia a sinatura de máis de 1.400 contratos en 2018 e posíbel fraude na contratación
Compostela - 14 Feb 2019

.O persoal do servizo de limpeza do Hospital Clínico, concesionado ao Grupo Norte, saíu esta tarde en manifestación desde a propia entrada do complexo hospitalario até a rotonda do Camiño francés para denunciar desde incumprimentos do convenio colectivo até incumprimentos na propia oferta que a empresa presentou no proceso de licitación desta contrata pública, no ano 2017. 

O representante da CIG, Anxo Noceda explicou, ao remate da manifestación, que a mediodía de hoxe o comité recibiu resposta ao escrito rexistrado a semana pasada e dirixido ao conselleiro de Sanidade e ao Xerente do SERGAS. Segundo Noceda, na súa resposta este último traslada que “xa remitiron o noso escrito á Xerencia do CHUS, ou sexa, botan balóns fóra. E isto o fan por moito que nese mesmo escrito indicabamos que xa falaramos coa Xerencia e que a resposta, na práctica, fora nula”.

Convocatoria para unha xuntanza tripartita

Xunto a isto anunciou que xusto antes de iniciarse a manifestación recibiran ademais unha convocatoria da empresa para unha xuntanza da que participaría tamén a Xerencia do CHUS. “A valoración que facemos non pode deixar de ser positiva. Demostra que coas mobilizacións se están conseguindo cousas”, asegurou e engadiu que, con todo “os problemas persisten por moito que haxa reunión”.

Por iso considerou que “ou esa reunión serve para que se poñan solucións ou o que se vai trasladar ao conxunto do persoal é a necesidade de seguir mantendo as actuacións e mobilizacións previstas”. Noceda lembrou ademais que as solucións dependen “de algo tan sinxelo como que unha parte cumpra o que ofertou e a outra exixa que se cumpra o que lle ofertaron. O contrario é pagar máis por menos”.

O representante da CIG lembrou que os incumprimentos do convenio e da propia contrata están provocando un deterioro das condicións laborais do persoal e do servizo que se presta para as usuarias e usuarios do complexo hospitalario. “Hai menos persoal fixo de estrutura do que debería haber o que implica máis carga de traballo para o que hai e que se produza unha elevadísima contratación eventual xa que, en 2018, chegaron a facerse máis de 1.400 contratos”.

 

Fraude na contratación

Para o representante da CIG estes datos poderían indicar que “hai unha fraude na contratación”. De feito lembrou que cando se estaban celebrando asembleas de traballadoras e traballadores para debater sobre esta situación e acordar mobilizacións, a empresa, nun intento de desmobilizar, propuxo contratar a 15 persoas máis.

Esta proposta non foi aínda efectivizada pero o recoñecemento por parte da empresa de que son necesarias leva a Noceda a preguntarse se esas 15 persoas máis “son as que levan faltando –co conseguinte aforro económico para Grupo Norte- desde que esta empresa chegou á contrata”.

Outro dos incumprimentos que sinala é que a empresa oferta exactamente o mesmo número de presenzas todos os días do ano, agás domingos, sábados e festivos. “Iso implica necesariamente que cando alguén está de baixa ou colle un día libre ten que ser cuberto, porque senón, non se están garantindo todas as presenzas”.

Isto deriva nunha sobrecarga de traballo para o persoal e os datos do último estudo de riscos psicosociais, realizado en 2015, así o constataron. “Revelaba unha elevadísima carga de traballo que rondaba o 80%”.

Incumprimentos do convenio colectivo

Esta situación leva parellos tamén incumprimentos do convenio colectivo como a denegación sistemática e constante dos días de asuntos propios, en contra de calquera norma establecida. “A empresa está limitando, de maneira unilateral, a dous os días de asuntos propios que concede por quenda de traballo. Deste xeito, a finais de ano hai un montante enorme de días de asuntos propios que non se puideron gozar. Porén, ao final, as traballadoras e traballadores, non os poden gozar para cando os piden, que para iso son, senón que se ven case obrigadas/os a dispor deles cando a empresa quere”.

Esta sobrecarga de traballo afecta tamén á calidade da limpeza do complexo hospitalario, onde a limpeza é fundamental e deriva nun maior número de incidencias por absentismo laboral derivado desa sobrecarga.

Labores non propios

Noceda apuntou tamén o incumprimento do acordo de bolsa de emprego ao que se chegara coa anterior adxudicataria e denuncia que se lle están requirindo ás traballadoras e traballadores toda unha serie de labores que “non son funcións súas, senón doutras categorías profesionais”. Un requirimento que se mantén a pesar de existir unha acta do comité de prevención do mes de xullo que así o di.

O comité sospeita que quen está transmitindo esas instrucións é directamente persoal relacionado coa propia Xerencia do complexo hospitalario. “Se iso se confirmase, sería gravísimo. Máxime cando isto se fai con persoal contratado eventualmente”, denuncia Anxo Noceda.