O persoal de limpeza do CHUF protesta contra a explotación laboral e reclámalle a Serveo máis contratacións
Traballadoras e traballadoras do servizo de limpeza do Complexo hospitalario de Ferrol concentráronse na mañá deste xoves na porta do Hospital Arquitecto Marcide para denunciar a sobrecarga laboral que teñen que soportar e como este esforzo constante lle afecta á súa saúde. Na protesta, convocada polo comité, reclamóuselle á empresa adxudicataria, Serveo, que contrate máis persoal e denunciouse a complicidade do órgano de contratación da xerencia "que protexer e blindar os beneficios desta multinacional, sen importarlle o máis mínimo a calidade do servizo de limpeza nin as condicións laborais".
O comité denuncia que leva moitos anos reivindicando que se reforce o cadro de persoal para poder atender a excesiva carga de traballo e as consecuencias que este esforzo lles provoca ás traballadoras e traballadoras na súa saúde. O presidente do comité, Marcos del Río (CIG), explica que a pesar das reiteradas queixas, o último contrato (adxudicado o pasado ano) non só non corrixiu este problema senón que de maneira inexplicábel reduciu o número de horas presenciais ao tempo que aumentaba a superficie a limpar.
"No anterior contrato, estipulábanse para facer a limpeza do Complexo Hospitalario 189.535 horas traballo para 56.037 metros cadrados. No expediente de 2023 atopámonos con que se reducen as horas presenciais a 185.885 (3.650 horas menos), pero pola contra amplíase a superficie a limpar en 3.000 metros cadrados, até chegar aos 59.036m2", advirte Del Río.
Esta modificación supón que aumenta a carga de traballo, co agravante de ter que desenvolverse nas obras do Plan Director, e que se reduce o número de traballadoras. Tomando como referencia os datos do expediente de 2019, para a representación social cumprirían 15.000 horas máis de traballo efectivo para poder limpar eses 3.000 metros cadrados novos; "é dicir, habería que contratar 10 traballadoras e traballadores máis".
Cambios nos pregos para beneficio da empresa
Atrás deste recorte, Del Río detecta o afán do órgano de contratación "por protexer e blindar os beneficios desta multinacional, sen importarlle o máis mínimo a calidade do servizo e moito menos as condicións laborais da persoas traballadoras da limpeza".
A CIG leva anos denunciando esta complicidade do órgano Servizos Xerais coa empresa, que "parece que manda máis que a dirección do complexo" e que chega até o punto "de que modifican no que sexa necesario nos pregos para salvagardar o interese de Serveo".
Esta conivencia, explica, viuse de xeito claro cando no ano 2015 o Complexo ampliou o tempo de permanencia dos residuos dentro do Hospital Arquitecto Marcide para sortear una acta da Inspección de Traballo e aforrarlle a empresa ter que contratar unha traballadora. No ano 2019, a CIG impugnou a adxudicación do contrato por baixa temeraria, xa que a contía pola que se resolveu o concurso imposibilitaba facer fronte ás obrigas económicas co persoal e cumprir calquera das melloras técnicas ofertadas.
Neste último contrato (ano 2023), servizos xerais afonda máis nos recortes "ao ofrecerlle á empresa a escusa perfecta para non contratar" ao incluír nos pregos "algo inaudito en todos os concursos do SERGAS: limitarlle á empresa adxudicataria a posibilidade de superar as 185.885 horas presenciais de contratación, para que en ningún caso poida superar ese número aínda que a saúde das traballadoras estea en xogo e teñan que soportar esforzos constantes".
O obxectivo, como sempre, é abaratar o custe do servizo e como exemplo, Del Río expón que se reduciron as frecuencias de limpeza nas zonas de baixo risco que pasan a limparse unha vez á semana ou cada 15 días, en lugar de a diario, obviando que "estamos a falar da limpeza dun hospital".