O persoal de limpeza do CHUF mobilízase contra a política de contratacións discriminatoria de Ferrovial
Traballadores e traballadoras do servizo de limpeza da EOXI de Ferrol concentráronse esta mañá diante do complexo hospitalario Arquitecto Marcide para denunciar os abusos de Ferrovial (que ten adxudicado este servizo), e nomeadamente rexeitar a política de contratación discriminatoria aplicada pola empresa con algunhas das traballadoras eventuais.
Estas traballadoras, explica o presidente do comité, Marcos del Río (CIG), forman parte da bolsa de emprego e atópanse nunha situación moi precaria "xa que as contratan por períodos moi curtos, ás veces só de un día, e vense obrigadas a renunciar ao seu dereito á conciliar porque teñen que ter total dispoñibilidade para cando as chaman da empresa".
En moitos casos, estas traballadoras veñen prestando o servizo de limpeza para o Hospital dende hai 15 ou 20 anos, mais agora que Ferrovial está realizando contratos máis estábeis, "en vez de mellorarlle as súas condicións, o que fai é contratar a persoal novo. Isto parécenos unha discriminación absoluta e unha falta de respecto a estas compañeiras", asevera.
Ferrovial, a mellor puntuada sempre malia os reiterados incumprimentos
Del Río pon o énfase no feito de que estas contratacións se producen en vésperas de que saia a nova licitación do servizo, algo que para o comité é unha manifestación máis da política de "enchufismo" practicada por Ferrovial. Esta actuación empresarial afonda no deteriorado clima laboral que existe neste servizo a causa da continuada precarización das condicións sociolaborais, os recortes salariais, as represalias por coller baixas médicas ou os despedimentos arbitrarios.
Non cómpre perder de vista que esta compañía leva 16 anos realizando o servizo de limpeza do Arquitecto Marcide e sempre obtén a mellor puntuación técnica, "aínda que despois non cumpre cos aportes ofrecidos e o máis grave, dende a Xerencia nin sequera lle esixen que cumpra". Mais ao contrario, engade o presidente do comité, en cada nova licitación incrementáronse os cartos do contrato sen que iso se traducira nin en máis contratacións, nin nunha mellora das condicións ou da calidade do servizo que se presta.
A solución, introducir cláusulas sociais nos pregos
Dende hai anos, a representación do persoal e a CIG veñen denunciando diante do SERGAS os reiterados incumprimentos de Ferrovial, tanto a nivel laboral como sobre as condicións dos pregos, sen que até o momento a administración sanitaria adoptara ningunha medida para corrixir esta situación. Neste senso, Del Río reitera que non se pode consentir "que unha empresa veña quitar beneficios a conta dos cartos públicos e que recortar dereitos ou despedir lle saia gratis".
Fronte a isto, reclama que os próximos pregos inclúan cláusulas sociais "que eviten estes abusos e limiten os actos de cobiza das empresas. Dende a CIG xa lle solicitamos por escrito á Xerencia o pasado mes de marzo que introducira este tipo de cláusulas, pois sería a solución para que as empresas adxudicatarias prestasen un servizo de calidade, non tiraran beneficios a conta de explotar os traballadores e traballadoras, que os procesos de selección de persoal foran máis transparentes ou que se respectaran de maneira escrupulosa os acordos de equiparación salarial co Grupo E do SERGAS".