CIG-Servizos de Ferrol denuncia que o Sergas consinte a represión de Ferrovial no CHUF
Os traballadores e traballadoras de Ferrovial, concesionaria do servizo de limpeza do CHUF, continuarán o vindeiro mércores día 14 de febreiro, entre as 12:30 e as 13:00 horas, con mobilizacións –no vestíbulo do CHUF- para exixir da empresa o cese das represalias e en demanda da recuperación dos postos de traballo e “os dereitos que nos roubaron”. Denuncian ademais que o Sergas consinte esta represión.
A CIG-Servizos de Ferrol denuncia a destrución do emprego e a precarización das condicións laborais que contrasta co millón de euros de beneficios que calculan que vai tirar a empresa co novo contrato. Lembran que o Sergas incrementou o prezo do servizo a niveis pre-crise para limpar os mesmos metros cadrados “pero con 20 traballadores/as menos”.
Salarios conxelados desde 2012 e represión
Desde a federación de Servizos denuncian ademais que as traballadoras e traballadores de limpeza levan cos salarios practicamente conxelados desde o ano 2012. Unha situación á que se suma a represión laboral que aplica Ferrovial “castigando ao persoal que cae de baixa médica con cambios de postos, mudándolles os horarios ou aproveitándose da bolsa de horas para envialos a facer os traballos máis penosos”.
CIG-Servizos advirte que non vai consentir este tipo de comportamento nin a esta nin a ningunha outra empresa e que “non imos deixar ningunha agresión aos dereitos laborais das compañeiras e compañeiros sen resposta”.