O persoal de limpeza de Correos continuará coas mobilizacións na defensa dos seus dereitos
O comité de Limpiezas JCórdoba (SCT) na Coruña compareceu este luns en rolda de prensa para denunciar os incumprimentos laborais e salariais da empresa -que ten adxudicado o servizo de limpeza de Correos nas catro provincias-, así como anunciar as mobilizacións que van realizar na defensa do seus dereitos. A primeira protesta será en Compostela o venres 21 de xullo diante da oficina da Rúa do Franco, o 7 de agosto haberá concentración na oficina central da Coruña, e o 17 de agosto as protestas trasladaranse a Vimianzo.
"Seguiremos loitando para que esta empresa non permaneza co concurso", advertiu o presidente do comité da Coruña, Óscar Iglesias, tras explicar que os problemas con esta empresa xa comezaron no mesmo momento que accedeu ao servizo, ao comunicar fóra de prazo a subrogación do persoal.
A isto súmase a falta constante de material para realizar o traballo, a non entrega de uniformes ou a non substitución do persoal que está de baixa ou vacacións, ao punto de que hai oficinas de atención ao público nas que as e os empregados propios de Correos están facendo labores básicas de limpeza. Porén, o máis grave chegou en maio, cando SCT comunicou que non ía abonar as nóminas "e estivemos até o 20 de xuño sen cobrar os nosos salarios, que só percibimos despois de facer varias mobilizacións".
Pero en xullo, apuntou Iglesias, repetíronse os atrasos e, nalgunhas provinciais, as traballadoras e traballadores aínda teñen pendente de percibir a nómina de xuño. Ademais, hai problemas tamén co abono das extras "que a empresa decidiu de maneira unilateral que ían ser prorrateadas".
"Esta situación é insostíbel, non podemos estar todos os meses sen saber se imos cobrar ou non", aseverou o presidente do comité, indicando que o persoal ten que estar de xeito permanente presentando denuncias na Inspección de Traballo para que se respecten os seus dereitos laborais.
Por iso, reclamou a implicación de Correos, que proceda á rescindirlle de inmediato o contrato a esta empresa incumpridora e que saque un novo concurso coa dotación económica necesaria. José Javier Martínez Torea, da CIG-Servizos, subliñou que na última licitación só JCórdoba presentou oferta, algo que nun concurso público considera como "un indicio claro de que algo vai mal".
Correos sacou un concurso infradotado
Lamentou que unha empresa pública como Correos saque un concurso infradotado, sabendo que non chega para cubrir os custes reais, e que despois pretenda que preste o servizo a conta de non pagar os salarios e de sobrecargar de traballo o persoal. E nesta liña, rexeitou que a empresa postal consinta e facilite estas prácticas piratas ao non exixir que se cumpra co estabelecido nos pregos e incluso se lle permitira concursar "cando nin sequera acreditou contar cun plan de igualdade, como obriga a lei".
Óscar Iglesias chamou a atención sobre o feito de que esta compañía pasou de contar cuns 200 traballadores e traballadoras a ter que xestionar preto de 2000 persoas (unhas 350 en Galiza) tras facerse con oito lotes do servizo de limpeza de Correos. Unha xestión que, valora, "lle queda moi grande xa que carece da infraestrutura necesaria". E neste senso, relacionou os problemas laborais co cambio de propiedade da empresa.
A representación do persoal dirixiuse en diversas ocasións á dirección de Correos pedíndolle unha reunión para abordar os problemas e incumprimentos do servizo, pero até agora non houbo resposta. Por iso, acordaron continuar coas mobilizacións e denunciar publicamente a situación insostíbel que están a padecer.