O persoal da limpeza de Citroën intensifica as protestas contra os incumprimentos de Clece
O cadro de persoal de Clece, contrata da limpeza das instalacións de PSA Peugeot Citroën en Vigo, está a intensificar as protestas contra os incumprimentos da empresa e secundou masivamente as dúas xornadas de folga convocadas o domingo e o luns. Ao mesmo tempo, os traballadores/as desenvolveron distintas concentracións tanto diante das instalacións de Clece como de Citroën e levaron a cabo manifestacións polas rúas da cidade coincidindo cos paros.
Segundo cálculos do comité de empresa de Clece, a xornada de folga do pasado domingo tivo un seguimento do 80% entre o persoal da limpeza, mentres que no caso dos traballadores/as encargados/as da limpeza dos contenedores esta cifra elevouse até o 90%.
O luns o paro foi secundado aínda por un maior número de empregados/as: no sector da limpeza o seguimento foi do 85% e no de contenedores do 95%. A representación do persoal agarda agora que a empresa “mova ficha” e os convoque a unha xuntanza para abordar unha problemática laboral que nos últimos tempos supuxo a convocatoria de varias xornadas de folga e numerosas mobilizacións.
Coincidindo coas dúas xornadas de folga que tiveron lugar onte domingo e hoxe luns os traballadores/as de Clece desenvolveron manifestacións polas rúas da cidade e concentracións ás portas da empresa, en Praza América, e diante das instalacións de Citroën, na avenida de Balaídos.
Dende a representación da CIG no comité explican que a decisión de convocar as dúas xornadas de paro adoptouse tras constatar que a empresa segue sen cumprir tanto os acordos pactados directamente coa empresa como os alcanzados coa mediación do AGA. Ademais, queren denunciar os incumprimentos da dirección en materia de subrogación do persoal e no que ten que ver coas condicións máis beneficiosas que teñen os traballadores/as. Por último, tamén rexeitan o abuso das contratacións eventuais “con posíbel fraude por acumulación de contratos de medio día de duración”.