O persoal de limpeza das dependencias municipais viguesas inicia protestas por unhas condicións dignas
O cadro de persoal de Urbaser, concesionaria do servizo de limpeza das dependencias municipais do Concello de Vigo, iniciou hoxe un calendario de mobilizacións para reclamar unhas condicións laborais dignas tras dous anos negociando sen éxito o convenio colectivo. Dende o comité de empresa, presidido pola CIG, denuncian que a empresa négase a actualizar os salarios e incumpre o prego de condicións a respecto do número de horas da xornada mensual.
A representación sindical mantivo xuntanzas cos grupos políticos da oposición municipal -BNG, Marea e PP- para trasladarlles precisamente este incumprimentos por parte da compañía e abordar a situación na que se atopan as traballadoras/es, cuxo convenio caducou o 31 de decembro de 2019. Dende entón as partes manteñen unhas conversas que na CIG-Servizos cualifican de “paripé” pola actitude inmobilista da dirección á hora de negociar.
Neste senso, denuncian que na súa última proposta -achegada o pasado venres- Urbaser retira unhas das reclamacións da parte social -en concreto a redución da xornada mensual de traballo de 36,5 a 35 horas- a cambio de aumentar a suba salarial un 1%. De xeito que o incremento de soldos que pretende a empresa sería do 0% para 2020; de 300 euros en 2021; e dun 2% para cada un dos anos 2022, 2023 e 2024.
Seguirán coas mobilizacións
Pola súa parte, a representación do persoal reclama que a actualización salarial se faga conforme ao IPC real, “pero a empresa non quere poñer nada no convenio que supoña pagar o IPC e os atrasos con carácter retroactivo”. Lembran que as traballadora/es do servizo de limpeza dos colexios públicos teñen consolidada a suba segundo o IPC, “polo que queremos deixar moi claro que polo menos na CIG non imos renunciar a este dereito, xa que estamos a falar de empregadas/os que desenvolven a mesma función”. Outras das demandas da parte social pasa porque a compañía complete a cuarta paga.
Finalmente, adiantan que a próxima xuntanza da mesa negociadora terá lugar o vindeiro mércores 23, ao tempo que critican a actitude do concelleiro responsábel, “xa que tras 11 solicitudes de xuntanza aínda non se dignou a recibirnos”. Polo que o cadro de persoal de Urbaser continuará coas mobilizacións -como a desenvolvida esta mañá diante do Concello- até lograr un convenio colectivo que dignifique as súas condicións laborais.