O persoal de limpeza da Coruña aproba o preacordo do novo convenio colectivo
Tras 11 meses de negociacións coas patronais da limpeza, diferentes mobilizacións e 3 días de folga chegouse a un preacordo para o novo convenio colectivo de Limpeza de Edificios e Locais que foi ratificado, por primeira vez na historia do sector, en referendo vinculante para todas as centrais sindicais, estiveran de acordo ou non. Un paso adiante na organización das fregonas amarelas.
O representante da CIG, Paulo Rubido, salienta a elevada participación nas tres asembleas celebradas en Santiago, A Coruña e Ferrol, nas que votaron preto de 500 traballadoras e traballadores. “Cremos que é esencial que se lle dera ao persoal do sector a capacidade de decidir sobre o contido do seu convenio colectivo. Cómpre destacar tamén que se deu a participación máis alta da historia do sindicalismo no sector”.
Nas asembleas, ademais de votar en urna, deuse un intenso debate sobre se aceptar o preacordo ou continuar coas mobilizacións. “O preacordo foi respaldado por unha ampla maioría polas asembleas”, sinala Rubido quen adianta que con estes resultados o acordo asinarase, previsiblemente a semana que vén.
Condicións do preacordo
O preacordo contempla incrementos salariais do 0% para 2020; do 1,7% para 2021; do 1,6% para 2022 e do 1,7% para 2023.
Segundo explica Rubido isto tradúcese nun incremento de 265,13 euros anuais para 2021, ou o que é o mesmo, 22,09 € en 12 meses. Para o ano 2022 será 253,8 euros anuais, 518,93 euros acumulados, 21, 15 euros en 12 meses. En 2023, a suba acadará os 273,98 euros -792,91 euros acumulados-, ou sexa, 22,83 euros en 12 meses.
Xunto a isto, o convenio recolle a revisión a IPC real dos 4 anos a final de convenio, con aplicación a 1 de xaneiro de 2024, manténdose a redacción do plus de transporte tal e como está, retirándose do xulgado a demanda, que volverá presentar ao final do convenio.
A Loita das Fregonas Amarelas
A loita por mellorar as condicións do convenio colectivo de Edificios e Locais da provincia da Coruña foi a loita das fregonas amarelas, porque as traballadoras e traballadores do sector fixeron da súa ferramenta de traballo un símbolo de dignidade en demanda de melloras nas súas condicións laborais. Unha loita que foi ademais histórica, porque era a primeira vez que se daban unhas mobilizacións como estas en 30 anos.
A limpeza é un sector maiormente feminizado no que, das máis de 10.000 persoas que traballan, só na provincia da Coruña, máis de 8.000 son mulleres. Isto provocou que fora un sector historicamente invisibilizado, ao igual que as súas demandas, mais que se tornou visible cando foi declarado esencial por mor da pandemia.
Rubido lembra que a patronal pretendía manter na precariedade a estas traballadoras, mesmo empeorando as condicións recollidas en convenio, que finalmente mantén a súa redacción –agás no relativo a incrementos salariais- tal e como está, malia ter ampliado os seus beneficios polo reforzo dos labores de limpeza que houbo que facer polos protocolos covid-19. “As traballadoras foron quen de manter o pulso contra a patronal, fregona en man, e tras das mobilizacións e as xornadas de folga, conseguir o obxectivo de ver melloradas as súas condicións salariais”, afirma. “Para os vindeiros convenios, a loita continúa”, conclúe.