O persoal de limpeza da Cidade da Cultura volve á carga coas fregonas amarelas
Traballadoras e traballadores do servizo de limpeza da Cidade da Cultura concentrábanse esta mañá diante do edificio, fregona en man, para denunciar a situación de discriminación que padecen a respecto do resto de persoal de empresas privadas con concesións da administración autonómica, porque teñen condicións diferentes. A mobilización era antesala das dúas xornadas de folga convocadas para este xoves e venres (27 e 28 de outubro).
Segundo explica Paulo Rubido, membro da Executiva da CIG, o persoal ten retribucións anuais inferiores, en 2.000 euros, ao resto de persoal que traballa para a administración autonómica, traballan 4 horas á semana máis e non dispoñen de ningún día de asuntos propios. “Unha clara discriminación coa que queremos acabar”.
Por iso ergueron hoxe, e volverán erguer nos próximos días, as súas ferramentas de traballo, as fregonas amarelas, para reclamar unhas condicións salariais e laborais dignas nas concentracións que desenvolverán, contra as 11:00 horas, na zona de acceso ás oficinas da Cidade da Cultura (a carón da zona onde se celebra o xuízo do Alvia).
Rubido denuncia que aínda que a empresa concesionaria é limpezas Salgado, a titular da Cidade da Cultura é a Xunta de Galiza e que o Presidente da Fundación é o propio Presidente da Xunta de Galiza.
Sinala que o persoal leva anos reclamando que se homoxeneicen as condicións laborais de toda a limpeza da administración autonómica, como efectivamente o están nas instalacións principais, nas catro provincias. Explica que a medida que se van ampliando ao resto de entes dependentes da administración autonómica, tamén lle van aplicando as condicións de equiparación co persoal laboral. “Pódese dicir que practicamente só queda a Cidade da Cultura sen equiparar”, afirma.
Intentos de negociación infrutuosos
O representante da CIG lembra que se solicitou formalmente, hai 8 meses, unha xuntanza coa consellaría de Cultura para abordar esta situación e que fora recollida nos novos pregos a equiparación das condicións laborais, “pero nin contestaron”.
Apunta que, xunto a isto, remitiron un escrito á Valedora do Pobo que contestou e que a raíz da súa apertura de expediente a Fundación Cidade da Cultura convocou á representación do persoal a unha reunión. “Dixeron que ían realizar un estudo económico que presentarían en setembro, pero chegada a data, non presentaron nada e cando lles pedimos unha reunión viñeron dicindo que non ían atender ningún tipo de reclamación”.
Diante desta situación, á vista de que levan un montón de tempo tratando de facer que se escoiten as súas demandas, e que estas son ignoradas, ao persoal non lle quedou máis que recorrer á folga como medida de presión. Polo momento convocáronse estas dúas xornadas nas que, de novo, sacaran as súas fregonas amarelas como símbolo dun sector que merece dignidade.