O persoal de Jofrasa inicia mobilizacións para esixir un acordo de empresa que contemple condicións dignas
Traballadoras e traballadores de Jofrasa (auxiliar que presta os servizos de limpeza na fábrica de Alcoa San Cibrao) iniciaron este mércores un calendario de mobilizacións para esixir un acordo de empresa que contemple melloras salariais reais para o conxunto do persoal. A concentración (realizada entre ás 7 e ás 8 da mañá) terá continuidade o próximo mércores, aínda que non se descarta intensificar as accións de protesta se a emprese continúa sen atender as reivindicacións da parte social.
Jofrasa e as representantes do persoal (2 de CIG e 1 de UGT) levan meses negociando un acordo de empresa que regule as condicións de traballo de limpeza da factoría de Alcoa en San Cibrao, xa que actualmente o convenio que rexe para esta actividade é o de Limpeza de Edificios e Locais.
Flexibilidade laboral non recollida no convenio
Para Julita Souto, unha das delegadas da CIG, “é obvio que a nosa actividade pouco ten que ver coa limpeza xenérica de portais ou oficinas, porque nin recolle moitas das nosas actividades nin a forma de regular a nosa xornada”. Porque o persoal de Jofrasa, explica, ademais da limpeza de todas as instalacións tamén se encargan da limpeza de varios compoñentes do propio proceso produtivo e, froito dese tipo de traballos, téñense establecidos unha serie de reténs que son susceptíbeis de ser chamados en caso de necesidade da empresa principal.
Pero este tipo de flexibilidade laboral non está recollida no convenio colectivo. Mila Orosa, outra das delegadas da CIG, salienta que “nós non nos negamos a adecuar o noso traballo nin a nosa xornada ás esixencias da empresa principal, sabemos onde traballamos, pero esiximos que se regulen e remuneren aquelas cuestións que están fóra de convenio; é por iso que queremos ese acordo que complemente o convenio provincial”.
Logo de varios meses e varias reunións coa empresa, mesmo con pequenos avances en materia social, as negociacións están encalladas no económico. Para Xoán Díaz da Federación de Servizos da CIG, “non se pode permitir, que en pleno século XXI, nunha empresa siga existindo unha fenda salarial evidente entre distintas actividades pero que na práctica é unha fenda entre homes e mulleres, por non falar xa da enorme fenda que existe entre este persoal con respecto ao resto de empresas auxiliares e da empresa principal”.
Ambas delegadas coinciden ademais en sinalar que están fartas de ser as “cincentas” do complexo industrial, e que se algo demostrou a pandemia é que a limpeza é un sector esencial, imprescindíbel e xa vai sendo hora que tamén se recoñeza esa realidade salarial e laboralmente.
A empresa asinou acordos superiores noutros centros
Temos que dar a batalla, porque non é un capricho, só estamos reclamando algo que é de sentido común e que a nosa actividade na fábrica require e merece"
Paradoxalmente, a mesma Jofrasa ten asinados acordos ou convenios de empresa en complexos industriais tan próximos como o das Pontes, "cunhas condicións económicas moi superiores ás que aquí se están poñendo sobre a mesa". Diante disto, o persoal decidiu en asemblea que, aínda valorando as melloras sociais, non se ratificará ningún acordo que non implique unha mellora salarial e que esta abarque ao conxunto do cadro de persoal.
Así, este mércores iniciaron o calendario de mobilizacións cunha concentración das 7 ás 8 da mañá na porta de entrada á fábrica de San Cibrao. Segundo as delegadas, “isto só foi o inicio, se a empresa non atende as nosas reivindicacións, seguiremos e intensificaremos as nosas medidas. Levounos moitos anos decidirnos a dar este paso e agora o persoal está completamente concienciado que temos que dar a batalla, porque non é un capricho, realmente só estamos reclamando algo que é de sentido común e que a nosa actividade na fábrica require e merece".
Para o mércores día 10 está convocada outra concentración a mesma hora nas inmediacións da entrada principal da factoría de San Cibrao.