O persoal de JEVASO maniféstase por unhas condicións dignas, o respecto ao descanso e traballar con seguridade
As traballadoras e os traballadores de JEVASO continuaron este venres coas mobilizacións para reclamar condicións dignas e que a empresa (auxiliar da industria téxtil) cumpra coa normativa en materia laboral e de prevención e saúde laboral. Nesta ocasión, o persoal permaneceu concentrado diante das instalacións de JEVASO dende ás 13 até preto das 14:30h para saír despois en manifestación polas rúas do Polígono de Sabón (Arteixo).
No percorrido, as máis de 350 traballadoras e traballadores marcharon dende a nave 1 de JEVASO até as portas da sede de Inditex, onde fixeron unha parada reivindicativa, xa que a multinacional é unha das principais clientas de JEVASO, á que entre outros, lle presta servizos de loxística. As chamadas de atención á multinacional ían principalmente polas supostas auditorías ás que Inditex somete as súas auxiliares para comprobar que cumpren coa normativa de traballo e en materia de prevención, que claramente JEVASO non cumpre.
Dende a sede de Inditex, marcha regresou até as instalacións de JEVASO na Avda. do Embalse onde o persoal levou as protestas até a porta mesma das oficinas.
JEVASO non quere negociar as demandas sociais
Coa mobilización deste venres e a do día 15, o persoal demándalle a dirección que sente negociar as propostas trasladadas en materia laboral, social e de prevención de riscos, en cuestións tan básicas como respectar os 15 minutos de descanso tal e como estabelece o convenio colectivo ou non realizar unha xornada superior ás 40 horas semanais, como pretende a empresa.
Na plataforma trasladada á dirección de JEVASO, o comité demanda tamén a creación dun plus de transporte, que se cubran as vacantes da quenda de mañá con persoal da empresa para que opten a elas en base a súa antigüidade ou que se estabeleza unha axuda para a adquisición de libros para as traballadoras e traballadoras con fillas/os en idade escolar.
Ademais, co obxectivo de reducir a precariedade na contratación e darlle estabilidade aos empregos, o comité propuxo que o persoal contratado a través de ETT pase a ser persoal propio da empresa cando levan máis dun ano no centro.
Faltan medidas de seguridade básicas
As táboa reivindicativa complétase cunha serie de medidas para mellorar a seguridade e a saúde laboral e cumprir coa normativa vixente, pois JEVASO non ten sequera un plan de prevención actualizado, non hai saídas de emerxencia suficientes e as que ten adoitan estar obstruídas con caixas e outros materiais e nin sequera os extintores están sinalizados.
Xunto a isto, o comité reclama medidas para evitar as lesións polos movementos repetitivos e a manipulación de cargas; levar adiante de maneira urxente a análise dos riscos psicosociais e actuar ante as actitudes hostís dos mandos intermedios que xeran un clima laboral de tensión e estrés insoportábel.
Por todos estes graves incumprimentos da lexislación, a FGAMT-CIG ten presentado nos últimos meses denuncias na Inspección de Traballo e non descarta recorrer á Fiscalía se a autoridade laboral non actúa con dixilencia.
Apoio de comités e persoal doutras empresas do sector
Nas súas demandas, o persoal de JEVASO ten recibido o apoio de compañeiras e compañeiros do sector, tales como o pleno do comité de Zara Loxística, o de Incoplancor e o Think Téxtil, ou as delegadas da CIG nas fábricas de Inditex, caso de Denllo e Choolet, que lle quixeron trasladar a súa solidariedade coñecedoras como son da problemática laboral propia deste sector e do trato que se dá nos centros de traballo. Tamén recibiron o apoio do persoal de Servilimpsa, que é a empresa que se encarga do servizo de limpeza das instalacións de JEVASO.