O persoal de Irosa pacta un calendario de pago das débedas e convocará folga se non se cumpre
O cadro de persoal de Irosa, empresa do sector da rocha ornamental con sede en Carballeda de Valdeorras na que traballan máis de 200 persoas, pactou coa dirección un calendario de pago dos salarios pendentes, e no caso de que non se cumpra convocarán unha folga indefinida. O plan de liquidación das débedas establece que o 61% das cantidades deberán estar abonadas este xoves día 5, fixando para o día 14 o pago da súa totalidade.
Os traballadores/as de Irosa desenvolveron concentracións diante da compañía o pasado xoves 21 e o venres 22 precisamente para demandar o abono dos soldos pendentes dos meses de agosto, setembro e outubro e a paga extraordinaria de xullo.
A CIG conta con 6 dos 9 delegados/as do comité, xa que foi a forza máis votada nas eleccións sindicais celebradas meses atrás na empresa, unha das máis importantes do sector, nas que obtivo 113 apoios (72,44%).
CCOO sumou 28 votos e 1 representante, mentres que a UGT logrou 15 apoios e outro representante. O noveno delegado/a, que se escollía no colexio de técnicos/as, foi, como vén sendo habitual na empresa, para “grupo de traballadores/as”.