O persoal de Intacta Gestión Ambiental (subcontrata de Sogarisa nas Somozas) acordou ir á folga o sábado 27 e o domingo 28 de xuño en resposta á negativa da empresa a negociar melloras nas condicións laborais e salariais. Para a xornada do sábado, ademais, os traballadores e traballadoras teñen previsto realizar unha concentración, ás 12:00 horas, diante do Concello das Somozas.
O persoal reclama que de maneira inmediata se adopten medidas de prevención e seguridade reais para garantir un espazo de traballo protexido e sen riscos, xa que a pesar de levar meses demandando a avaliación de riscos e o plan de prevención, e emprega négase a entregar a documentación alegando escusas peregrinas.
Hai que ter en conta que o persoal de Intacta (que nas instalacións xestionadas por Sogarisa conta cunhas 13 persoas) está exposto a un elevado risco posto que se dedica ao tratamento de residuos líquidos e lixiviados procedentes da xestión dos residuos industriais que chegan á planta das Somozas.
Ademais da seguridade, o persoal tamén reivindica que se respecte e aplique de forma adecuada o convenio colectivo que lles corresponde polo tipo de actividade que fan. Nestes momentos Intacta aplícalles o convenio de enxeñarías, malia que este marco regulador non contempla ningunha das particularidades nin dos riscos do traballo que desenvolven na planta das Somozas.
Por iso, entenden que o seu convenio de referencia debería ser o estatal de Químicas e para que “se recoñeza xustamente o esforzo e o traballo que desenvolvemos a diario”, reclaman cobrar os pluses de perigosidade, de quendas e nocturnidade, que o convenio de enxeñarías nin sequera recolle. Xunto a isto, para dignificar as condicións económicas piden para este ano a creación dun plus mensual non absorbíbel e consolidábel.
Para poder conciliación da vida laboral e familiar, o persoal exixe tamén o establecemento dun período de vacacións que non se solape cos descansos, pois na actual distribución do traballo en xornadas de 6-4 (seis días continuados de traballo e catro días de descanso) están incluídos os días de vacacións. De aí que, para poder continuar con este sistema e gozar das vacacións que lles corresponden, demándalle tamén á empresa que contrate dúas novas persoas e implante unha quenda a maiores.
Malia as xustas reivindicacións, Intacta négase a negociar ningunha destas melloras polo que o persoal acordou ir á folga para denunciar “ter que traballar nestas condicións en pleno século XXI e, ademais, nunha subcontrata dunha empresa participada pola Xunta de Galiza”.