Os traballadores de Inoxidables de Rábade intensifican os paros até as seis horas por quenda laboral
Os traballadores de Inoxidables de Rábade, que están realizando paros laborais dende hai unha semana, acordaron incrementar dende este mércores as medidas de presión para demandar da empresa que sente negociar a táboa reivindicativa. Deste xeito, os paros de dúas horas por quenda que viñan desenvolvendo serán agora de seis horas por quenda laboral os martes, mércores e xoves de cada semana. Logo de anunciaren esta medida, a empresa, que levaba desaparecida dende o inicio da folga, convocou á representación do persoal a unha xuntanza para mañá, xoves, as cinco da tarde.
"Agardamos que veñan con vontade real de negociación e non a perder o tempo", valorou o responsábel de CIG-Industria de Lugo, Afonso Losada. O sindicalista explicou que a decisión de aumentar o tempo dos paros foi acordada en asemblea pola unanimidade dos traballadores, o que "demostra a vontade, a unión e convicción do persoal para levar as súas reivindicacións até o final".
Neste senso, Losada destacou que todo o persoal operario está secundando os paros, "polo que a actividade produtiva está paralizada nun 90%".
Para dar máis visibilidade a súa loita, os traballadores concentráronse esta mañá diante do Concello de Outeiro de Rei, onde lle explicaron ao alcalde e á corporación municipal cal é a situación na empresa e déronlle traslado da táboa reivindicativa.
Mellorar salarios e condicións laborais
Hai que lembrar que a representación social leva máis de ano e medio tentando negociar coa dirección unha serie de melloras económicas e laborais que permitan recuperar os dereitos que o persoal foi perdendo coa escusa da situación económica, mais agora que a empresa ten abondosa carga de traballo e disparou os beneficios, "os traballadores non teñen ningunha mellora".
Entre as demandas da parte social atópase a recuperación do incentivo de 500€ cada tres meses que a empresa retirou de maneira unilateral hai uns anos, revisar as categorías ou acadar a equiparación e igualdade salarial entre postos da mesma categoría tanto dentro da factoría de Rábade como con outras plantas do grupo.
Xunto a isto, o persoal reclama a incorporación dun plus de penosidade, toxicidade e perigosidade polos ritmos frenéticos de traballo e polos produtos químicos que teñen que manipular; medidas relacionadas co calendario laboral e de vacacións de 2018; o comedor ou para atallar os problemas de ruídos, luminosidade, ventilación e a adaptación térmica da nave.
Concentración o xoves ás 16 horas
Á espera do resultado da xuntanza deste xoves, os traballadores continuarán mañá coa folga e farán unha concentración dende ás 16 horas diante das instalacións de Inoxidables de Rábade.