O persoal de Industrias Losán mobilizase o 29 de decembro na sede administrativa da empresa na Coruña
O persoal de Industrias Losán reforza o calendario de mobilizacións ante a práctica confirmación de que a oferta de compra por parte dunha empresa valenciana era unha fraude. Así, o vindeiro 29 de decembro, ademais de concentrarse ás 10:15 horas diante do SMAC, os traballadores e as traballadoras tamén levarán as protestas, ás 12:00 horas, á sede administrativa da empresa na Coruña (sita na rúa Casares Quiroga, 9).
O comité da fábrica de Curtis denuncia a situación límite tanto da compañía como do persoal, que neste momento ten pendente de cobrar as nóminas completas dos meses de outubro e novembro e a paga extraordinaria de nadal, atopándose con serias dificultades para facer fronte aos gastos cotiás.
Hai que lembrar que o Grupo Losán, empresa familiar con orixe en Curtis (A Coruña), arrastra desde hai máis de dous anos unha situación económica “extremadamente grave”, tras recoñecer unha débeda superior aos 200 millóns de euros, tendo como principais acredoras a SEPI e a diversas entidades bancarias. “Desde entón, a empresa vive instalada nun proceso de reestruturación permanente que, lonxe de ofrecer solucións, está a ser pagado directamente polo persoal”, critican.
Durante todo este proceso, son constantes os atrasos no cobro dos salarios, os pagamentos fraccionados e mesmo meses enteiros sen percibir nómina algunha. A isto súmase que en 2025 non se aplicou a actualización salarial do 3,4 % recollida no convenio colectivo de empresa, xerando aínda máis débeda co persoal.
A representación social mantivo múltiples reunións coa dirección exixindo respostas, solucións inmediatas e unha saída digna a esta situación, pero “non hai solucións á vista nin compromisos firmes a curto prazo” para as preto de 200 persoas traballadoras afectadas en Galiza, entre as oficinas centrais da Coruña, Curtis e Vilasantar.
Ante a falta absoluta de avances e o abandono ao que está sometido, o persoal acordou en asemblea presentar un conflito colectivo contra o impago da revisión salarial e iniciar un calendario de mobilizacións para reclamar o cobro de todas as cantidades pendentes e garantías na continuidade da actividade produtiva e os empregos.