O persoal de Industrias Losán mobilizarase para exixir o cobro dos seus salarios e garantías de futuro
O persoal de Industrias Losán acordou iniciar mobilizacións ante o impago reiterado das nóminas, a incerteza sobre a continuidade da empresa e a incapacidade da dirección para garantir o abono dos salarios. A primeira protesta terá lugar o 29 de decembro, ás 10:15 horas diante do SMAC, da Coruña.
O comité da fábrica de Curtis denuncia a situación límite da empresa e a fartura do persoal que está “exhausto e sen recursos”, pois neste momento ten pendente de cobrar as nóminas completas dos meses de outubro e novembro e a paga extraordinaria de nadal. Este impago sitúa o persoal nunhas condicións “críticas, angustiosas e insostíbeis” ao provocar serias dificultades para facer fronte a gastos básicos como alugueiros, hipotecas, pago de facturas ou mesmo a compra de alimentos.
Explican que o Grupo Losán, empresa familiar con orixe en Curtis (A Coruña), arrastra desde hai máis de dous anos unha situación económica “extremadamente grave”, tras recoñecer unha débeda superior aos 200 millóns de euros, tendo como principais acredoras a SEPI e a diversas entidades bancarias. “Desde entón, a empresa vive instalada nun proceso de reestruturación permanente que, lonxe de ofrecer solucións, está a ser pagado directamente polo persoal”, critican.
O grupo conta con dúas plantas en Galiza —Industrias Losán S.A. en Curtis (matriz) e Aserpal en Vilasantar— ademais das oficinas centrais na Coruña. Dispón tamén de centros produtivos en Castela e León (Soria e Villabrázaro), Castela-A Mancha (Cuenca e Pedro Muñoz) e plantas internacionais en Holanda, Romanía e Estados Unidos.
Sen información sobre investimentos nin plans de viabilidade
Co argumento de evitar o concurso de acredores, a dirección negociou un plan de reestruturación coa SEPI e coa banca baseado na hipotética entrada de investidores. Porén, “a día de hoxe non existe información clara, nin prazos, nin garantías reais sobre esa suposta inversión nin sobre a viabilidade futura das plantas, incluídas as galegas”.
Durante todo este proceso, son constantes os atrasos no cobro dos salarios, os pagamentos fraccionados e mesmo meses enteiros sen percibir nómina algunha. A isto súmase que en 2025 non se aplicou a actualización salarial do 3,4 % recollida no convenio colectivo de empresa, xerando aínda máis débeda co persoal.
A representación social mantivo múltiples reunións coa dirección exixindo respostas, solucións inmediatas e unha saída digna a esta situación, pero “non hai solucións á vista nin compromisos firmes a curto prazo” para as preto de 200 persoas traballadoras afectadas en Galiza, entre as oficinas centrais da Coruña, Curtis e Vilasantar.
Ante a falta absoluta de avances e o abandono ao que está sometido o persoal, as asembleas de traballadores acordaron presentar un conflito colectivo contra o impago da revisión salarial e iniciar mobilizacións o vindeiro 29 de decembro.
Advirten que esta situación afecta a todas as plantas do Estado español, con casos como o de Soria, onde xa se aplicou un ERE que deixou na rúa a 48 persoas. No conxunto do grupo, estiman que uns 1.500 traballadores e traballadoras “viven hoxe na incerteza, sen cobrar e sen saber cal será o seu futuro”.