O persoal de Industrias Losán concentrarase para reclamar o cobro dos salarios e un plan industrial

O mércores 23 de abril de 10:15 a 10:45h diante da fábrica de Curtis
Curtis - 21 Abr 2025

O comité de Industrias Losán convoca unha concentración para o vindeiro mércores, 23 de abril, para reclamar o cobro dos salarios e un plan industrial que garanta reactivar a produción na fábrica. A protesta realizarase de 10:15h a 10:45h, diante da planta de Curtis, coincidindo co tempo do descanso do persoal.

Os traballadores e traballadoras de Industrias Losán acordaron en asemblea iniciar mobilizacións en resposta aos constantes atrasos no abono dos salarios, que se veñen producindo dende hai máis dun ano, e exixir o pago inmediato das últimas nóminas. Así mesmo, a empresa segue, tras tres meses e medio, sen aplicar o incremento salarial de 2025 pactado no convenio da empresa, polo que tamén se deben os atrasos.

Neste momento, e tras moitos meses recibindo os seus pagos de maneira fraccionada e con atraso, a empresa débelle o persoal o salario de marzo e unha paga extraordinaria. En situación similar atópase tamén o centro de traballo que o grupo ten en Vilasantar, Aserpal, e as dúas instalacións que ten noutras comunidades do Estado.

Ademais de reclamarlle á dirección que poña ao día o pago dos salarios, con esta concentración o comité tamén demanda un plan industrial para reactivar a produción e garantir o mantemento dos empregos. Neste momentos, a fábrica de Curtis (dedicada ao revestimento de taboleiro e fabricación de papel melaminado) está practicamente sen produción e perdendo cota de mercado a ritmo acelerado.

A última noticia é que a dirección lle anunciou ao persoal que vai recibir unha axuda pública do IGAPE e que con estes cartos pretende poñer ao día os salarios adebedados, e que de cara aos vindeiros meses farao mediante iniciativas similares que, en todo caso, nada teñen que ver coa reactivación da fábrica.