O persoal de incendios mobilizarase este mércores en Santiago por condicións dignas

O sector de Autonómica da CIG-Administración convoca unha manifestación dende o edificio administrativo de San Lázaro ás 12:00 horas
Nacional - 17 Nov 2026

O sector de Autonómica da CIG-Administración convoca unha manifestación nacional do persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF), dependente da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galiza, co obxectivo de reclamar melloras laborais, salariais e organizativas para o conxunto do servizo. A marcha terá lugar este mércores 18 de novembro ás 12:00 horas dende e edificio administrativo de San Lázaro, en Santiago de Compostela, até o edificio central da Xunta en San Caetano.

Tal e como sinalan dende a central sindical, o aumento continuado da carestía da vida, unido aos cambios na tipoloxía dos incendios forestais, que presentan unha maior dificultade técnica e esixen cada vez máis implicación e esforzo por parte do persoal para a súa extinción, así como os efectos da mudanza climática, con vagas de calor cada vez máis frecuentes e intensas, fan evidente a necesidade de adaptar as condicións de traballo do SPIF á realidade actual. 

As condicións laborais son claramente insuficientes, tanto no ámbito das retribucións salariais como na organización do traballo

“Consideramos que as condicións laborais existentes son claramente insuficientes, tanto no ámbito das retribucións salariais como na organización do traballo. O persoal do SPIF precisa dun recoñecemento acorde coas funcións que desempeña, coas responsabilidades que asume e coas condicións nas que desenvolve o seu labor”, detallan dende a CIG-Autonómica.

Por este motivo, a central sindical presentará unha táboa reivindicativa elaborada durante os últimos meses a través de asembleas de persoas traballadoras na que se recollen as principais demandas do persoal e o malestar existente ante os “lentos e insuficientes” avances propostos pola Xunta.

Entre as principais reivindicacións destacan
  • Melloras laborais acordes ao noso traballo, con salarios e condicións dignas.
  • Medidas efectivas contra a exposición á feluxe.
  • Medidas para a conciliación e a igualdade.
  • Melloras reais das bases.
  • Recoñecemento de todo o persoal funcionario de carreira.
  • Un sistema de avituallamento eficaz.
  • Mellora da formación do SPIF.
  • Un sistema multiemerxencia do SPIF durante todo o ano.
  • Un novo sistema de organización dos postos de traballo, coa unificación de todas as especialidades e categorías dentro dunha única escala.

A través desta mobilización o persoal do SPIF quere visibilizar a situación do servizo e trasladarlle á Administración autonómica que non abonda con avances parciais nin con propostas insuficientes. “É necesario abordar de maneira integral as necesidades do SPIF e darlle resposta ás reivindicacións do seu persoal”.

Por todo isto, a CIG chama a todo o persoal do SPIF, así como ao conxunto da sociedade, a participar nesta manifestación nacional para reclamar un servizo público de prevención e defensa contra os incendios forestais con medios, organización e condicións laborais “acordes coa importancia do traballo que desenvolve”.