O persoal de Ilunion volve á carga contra a explotación laboral das persoas con capacidades especiais
Traballadores/as de Ilunion Servicios Industriales Galicia, centro especial de emprego do grupo ONCE, volveron hoxe á rúa a mobilizarse en Vigo para reclamar un convenio de empresa xusto cuns salarios dignos. A concentración, coa que se lle dá continuidade á intensa campaña de protestas iniciada o ano pasado para denunciar a precariedade que padecen os traballadores/as nas compañías nas que desenvolven o seu labor, terá lugar este martes 22 de marzo diante de Stellantis ás 13:15 horas.
Os 620 empregados/as de Ilunion prestan servizo en compañías do sector do automóbil como a propia Stellantis, Lear, Benteler ou Denso, nas que soportan unhas elevadas condicións de precariedade -ingresan o salario mínimo interprofesional- e uns altos ritmos de traballo, tal e como explican dende a CIG-Industria de Vigo. Ademais de non recibir a formación obrigatoria establecida por lei, algo especialmente grave tendo en conta que se trata de persoas con capacidades especiais, tanto físicas como psíquicas.
A estes/as traballadores/as aplícaselles o convenio estatal de Centros Especiais de Emprego, por iso a CIG demanda ou que se lles aplique o do sector no que prestan servizo ou que se negocie un convenio propio para o centro de traballo de Vigo, xa que a central sindical -que preside o comité de empresa- ten en marcha unha campaña para mellorar as súas condicións laborais. Precisamente con este obxectivo a representación sindical solicitou un AGA, pero a dirección de Ilunion rexeitou a mediación.
No marco desta iniciativa desenvolvéronse xa numerosas mobilizacións, tanto diante da sede do grupo ONCE como das distintas empresas da automoción nas que o persoal de Ilunion presta servizo. Nesta ocasión volveron á rúa baixo a premisa de “a igual traballo, igual salario” para denunciar a explotación que padecen coa escusa da súa integración laboral.