Persoal de Ilunion traslada ás portas de Stellantis as protestas pola precariedade e a explotación laboral
O persoal de Ilunion Servicios Industriales Galicia, centro especial de emprego do grupo ONCE, trasladou hoxe ás portas de Stellantis en Vigo as protestas para rexeitar a precariedade e a explotación laboral que padece nas principais compañías da automoción nas que presta servizo.
Con esta campaña de mobilizacións, que se iniciou o pasado 28 de outubro cunha concentración diante da sede da ONCE, os traballadores/as queren denunciar os altos ritmos de traballo aos que están sometidos/as, así como a falta de formación obrigatoria, algo especialmente grave xa que se trata de persoas con capacidades especiais.
A protesta de hoxe desenvolveuse diante da entrada principal de Stellantis de 11:00 a 12:00 horas, onde se despregou unha faixa contra a precariedade laboral en Ilunion e se berraron consignas como “Non á escravitude na discapacidade”, “Á explotación chámanlle integración”, “A igual traballo igual salario” ou “Emprego digno na automoción”.
Dende a federación de Industria explican que os 620 traballadores/as de Ilunion, que prestan servizo en compañías do automóbil como Stellantis, Benteler, Lear e Denso, padecen unhas elevadas condicións de precariedade -ingresan o salario mínimo interprofesional- e uns altos ritmos de traballo. Ademais, non reciben a formación obrigatoria establecida por lei, algo especialmente grave tendo en conta que se trata de persoas con capacidades especiais, tanto físicas como psíquicas.
Para rematar con esta situación de precariedade e de explotación laboral os afectados/as reclaman que se lles aplique o convenio colectivo do sector no que prestan servizo, reivindicación que a CIG-Industria -que conta con 10 dos 17 delegados/as do comité de empresa- considera tamén fundamental para poñerlle freo aos abusos que padecen estes/as empregados/as.
Precariedade subvencionada
Na CIG consideran que este tipo de centros fan parte das novas ferramentas que o capital emprega para precarizar as condicións laborais e de vida de milleiros/as de traballadores/as “e para incrementar beneficios mediante o abuso e a escravitude laboral”.
Lembran que máis de dúas terceiras partes dos contratos que se realizan a persoas con capacidades especiais son a través de centros especiais de emprego, e maioritariamente están asociados a tarefas pouco cualificadas. En consecuencia, estes centros deixan de ser unha porta de acceso ao mundo laboral “para converterse en precariedade subvencionada”.
Estas empresas son favorecidas por convenios que remuneran por debaixo do que o fai o convenio de sector da empresa cliente, e acaban actuando como empresas multiservizos. “Ofrecen man de obra barata, o que lles permite obter un lucro inmoral, vulnerando o principio de igualdade entre as persoas traballadoras e desvirtuando o papel destes centros como facilitadores da integración laboral”.