O persoal de Ilunion retomará as protestas contra a precariedade e a explotación das persoas con capacidades distintas
O persoal de Ilunion Servicios Industriales Pontevedra, centro especial de emprego do grupo ONCE, retomará as mobilizacións contra a precariedade e a explotación laboral das persoas con capacidades distintas tras un mes de tregua no que estiveron negociando coa empresa unha mellora salarial que finalmente non se aplicará porque a dirección pretendía a cambio flexibilizar aínda máis a xornada de traballo. As protestas desenvolveranse os días 8, 10, 17 e 24 de novembro diante da sede da ONCE en Vigo de 10:45 a 11:45 horas.
Segundo explica Quique Fernández, da Executiva da CIG-Industria, aos 620 empregados/as que Ilunion ten en Vigo aplícaselles o convenio estatal de Centros Especiais de Emprego, que contempla unhas condicións laborais e salariais precarias. Por iso a pesar de que estes/as traballadores/as -que prestan servizos en compañías do sector do automóbil como Stellantis, Lear, Benteler ou Denso- realizan as mesmas tarefas que o persoal da empresa principal, cobran o SMI e teñen a metade de dereitos.
De feito, denuncia que Stellantis ten externalizados até 400 postos de carretilleiros, montaxe e loxística a través de Ilunion que antes realizaba persoal contratado directamente pola antiga PSA Citroën e, polo tanto, a quen se lles aplicaba o convenio propio desta empresa.
Ante esta precarización do emprego disfrazada de integración laboral, a CIG (que ten a maioría absoluta no comité de Ilunion Servicios Industriales en Vigo, con 10 de 17 delegados/as) iniciou unha campaña para esixir que a estes/as traballadores/as se lles aplique o convenio do sector no que prestan servizo (neste caso o do metal da provincia de Pontevedra) ou que se negocie un convenio propio para o centro vigués.
Carta á ministra
Para denunciar a explotación que padecen, a CIG remitiulle recentemente un escrito á ministra de Traballo, Yolanda Díaz, xa que na última reforma laboral se establece que, en materia salarial, os convenios de empresa non poden ser inferiores aos de sector, e que no caso das subcontratas e contratas este persoal estará regulado polo convenio sectorial de aplicación. Pero, casualmente, o Goberno español excluíu da norma de maneira expresa os centros especiais de emprego, condenando a este persoal especialmente vulnerábel á precariedade absoluta a través da fórmula da subcontratación.
No caso de Vigo, estes/as empregados/as malia cobrar o salario mínimo teñen que aturar os elevados ritmos de traballo, a realización de horas extraordinarias e as xornadas irregulares na mesma medida que o resto do persoal das compañías da automoción. E iso a pesar de que, segundo o convenio dos centros especiais de emprego, a súa xornada máxima semanal é de 38,5 horas e non poden facer nin prolongacións da xornada nin ter unha distribución irregular das horas de traballo.
Ademais, non están sequera recibindo a formación obrigatoria establecida por lei, algo especialmente grave tendo en conta que se trata de persoas con capacidades distintas, tanto físicas como psíquicas.