O persoal de IKF cumpre 20 días de folga contra a precarización e a empresa segue negándose a negociar
O cadro de persoal de Imerys Kiln Furniture (IKF), empresa dedicada á fabricación de materiais refractarios con sede na Guarda, cumpre hoxe 20 xornadas de folga contra as pretensións da compañía francesa de precarizar as condicións laborais mantendo a dobre escala salarial e impoñendo a liberalización horaria. A dirección négase a negociar mentres non se desconvoquen os paros a pesar dos intentos de mediación do AGA.
A folga indefinida iniciada a mediados de xullo para rexeitar a dobre escala salarial que a empresa quere prolongar no tempo, a liberalización dos horarios, a maior flexibilización da xornada e o cambio no goce das vacacións que pretende impor a compañía suspendérase en agosto polo comezo do período vacacional. Como nese tempo non se chegou a un acordo, os traballadores/as optaron por retomar os paros, que agora se desenvolven todos os martes, mércores e xoves, en principio até o vindeiro 30 de setembro (a excepción do xoves 23, que é festivo local).
Nas máis de dúas semanas que o persoal estivo de folga o seguimento foi total, provocando un achegamento por parte da empresa, que amosou disposición a sentar negociar parte das demandas sociais: flexibilización da xornada anual, modificación da distribución histórica das vacacións, pago do traballo en fins de semana e festivos ou determinados complementos salariais.
Os paros están a ter tamén un seguimento practicamente total, xa que a semana pasada unicamente entrou a traballar un empregado de produción. E este sumóuselle agora o único delegado de CCOO no comité (4 representantes da CIG e 1 do sindicato estatal). Polo que só dúas persoas das 60 que integran o departamento de fabricación non secundan a folga.
En consecuencia, a compañía manobrou para intentar minimizar o seu impacto, establecendo servizos mínimos non co obxectivo de realizar labores de mantemento senón para poñer en marcha o forno coa finalidade de comezar a traballar de inmediato no caso de que o paro sexa desconvocado. Diante disto, a representación do cadro de persoal procedeu a impugnar os servizos mínimos.
Dende a CIG-Construción denuncian que a dirección négase a negociar a pesar dos intentos de mediación do AGA e esixe a desconvocatoria dos paros para sentarse. A parte social está disposta a suspender a folga mentres se producen as conversas, pero non a desconvocala. “A empresa está a botarnos un pulso, porque nos estamos a xogar os dereitos laborais conquistados durante 30 anos mediante a negociación colectiva; se gañan estenderán a precariedade, porque o que queren son salarios máis baixos e liberalizar xornada e horarios; queren ter á xente á súa disposición os sete días da semana”, advirten.
Lembran que a compañía estivo en ERTE en varias ocasións o ano pasado polos efectos da covid, “polo que a Administración debera tomar cartas no asunto e esixirlles que se senten a negociar”, ao tempo que sinalan que tamén debera ter en conta que a dobre escala salarial que a empresa pretende prolongar no tempo e a liberalización horaria que quere impoñer atentan contra a lei de igualdade e contra o dereito de conciliación da vida familiar e laboral.
Diferenzas salariais de até 5200 euros ao ano
Cómpre lembrar que, por mor do pacto asinado coa empresa polo anterior comité en 2018, as persoas que se incorporan a IKF dende ese ano ingresan entre un 25 e un 30% menos de soldo que os seus compañeiros/as da mesma categoría laboral, o que supón uns 5200 euros menos ao ano. Unha dobre escala salarial que a empresa pretende prolongar durante oito anos máis.
Xunto a isto, IKF quere que o 10% de distribución irregular da xornada permitido por lei sexa obrigatoria para todo persoal de luns a sábado, tanta de mañá como de tarde, o que se traduciría na liberalización dos horarios a dispor da empresa. Ademais, quere introducir cambios no goce das vacacións, que historicamente se viñan collendo no mes de agosto, e agora pretende que o persoal colla 15 días de vacacións en agosto e os outros 15 estean a disposición da empresa.