Retómanse as mobilizacións en Hércules de Armamento en defensa dos empregos e o mantemento da actividade
Os/as traballadores/as de Hércules de Armamento retomaron este martes o calendario de folgas e mobilización acordado en asemblea, ante a falta de resposta por parte da Consellaría de Industria. O persoal decidira adiar as protestas tras da xuntanza mantida coa administración o pasado 16 de febreiro en Compostela, na que se analizou a posibilidade de crear unha mesa de traballo "para tratar a situación da fábrica e coordinar as actuacións precisas".
Unha mesa, matizaron, "na que estean presentes as distintas administracións implicadas nunha posíbel solución para a fábrica de armas". Esta reunión, explica o Presidente do Comité de Hércules de Armamento, Xabier Rioboo, tería un "carácter preparatorio dunha xuntanza posterior co conselleiro de Industria".
Porén, pasados máis de 15 días, "aínda non fomos convocados/as, polo que decidimos retomar as mobilizacións e dirixirnos novamente ao titular de industria para reiterar por escrito a solicitude de reunión".
O obxectivo deste encontro, engadiu Rioboo, non é outro que "a elaboración e posta en marcha dun plan que garanta os postos de traballo e o mantemento da actividade produtiva na antiga fábrica de armas, hoxe Hércules de Armamento".
Por iso, este martes volveron levar as súas protestas até os edificios administrativos da Xunta na Coruña ao berro de "Hai solución, Xunta implicación".
Nova xornada de folga
A concentración coincidía cunha nova xornada de folga de catro horas e media nas instalacións de Palavea para demandar da dirección de Hércules de Armamentos que regularice o pago dos salarios -o persoal acumula varios meses de impago, que xa está reclamando por vía xudicial-; e demandar que redobre esforzos para resolver as incertezas sobre o futuro laboral e industrial da empresa.