O persoal de H&M en Ourense convoca folga contra o ERE que vén de presentar a empresa
O cadro de persoal de H&M en Ourense decidiu convocar dúas xornadas de folga para rexeitar o “drástico e inxustificado” ERE que vén de presentar a empresa téxtil e que suporá o despedimento de 1100 traballadoras/es en todo o Estado. Os paros de 24 horas, promovidos pola CIG, terán lugar os vindeiros días 30 de abril e 8 de maio.
Segundo denuncian dende a central sindical, o ERE “salvaxe” que a compañía sueca Hennes & Mauritz (H&M) quere aplicar afectará a un total de 126 tendas en todo o territorio estatal e suporá o despedimento de 1100 persoas. No caso galego, unicamente dúas das oito tendas quedarían, de momento, libres das consecuencias do ERE.
En tres dos outros seis establecementos habería despedimentos e modificacións das condicións de traballo (Lugo, Vigo-Gran Vía e Coruña-Marineda), mentres que outros tres pecharían definitivamente (Vigo-Príncipe, Ferrol e Ourense-Paseo).
A aplicación do ERE en Ourense suporía a perda de 20 postos de traballo, “mais ería difícil calcular o impacto colateral que esta inxusta medida tería a nivel económico e laboral noutras empresas e sectores: provedores, transporte, tendas do arredor, etc”.
Ao mesmo tempo, lembran que H&M de Ourense é unha das tendas máis rendíbeis que a marca ten en todo o Estado español, ocupando, segundo os propios datos internos da empresa, o terceiro lugar dos establecementos con maior rendibilidade.
“Se a todo isto lle sumamos que os sindicatos CCOO e UGT, fieis aliados da empresa, impediron, en base á lexislación do PP que segue vixente para os ERE, a participación dos sindicatos que a nivel estatal non acadamos a representación necesaria, encontrámonos que unha parte moi significativa das traballadoras/es de H&M non vai ter nin voz nin voto na mesa de negociación no período de consultas”, critican.
Mobilizacións
Por estas razóns, as empregadas/os de H&M de Ourense, xunto coa CIG, acordaron a convocatoria de folga para os días 30 de abril e 8 de maio, “sumándonos aos paros que os sindicatos vascos comezaron o pasado 22 de abril”. Con esta medida de presión queren reclamar que o ERE se negocie por territorios e non a nivel estatal, así como a retirada dos despedimentos nos centros de traballo que nin tan sequera teñen perdas.
Deste xeito, solicitan o apoio da veciñanza ás mobilizacións e ínstana a participar nas concentracións que coincidindo coa folga se van celebrar diante da tenda, na rúa do Paseo, tanto pola mañá como pola tarde. “Non podemos consentir que multinacionais que teñen ganancias multimillonarias, e que seguiron gañando nos peores tempos do confinamento, xoguen de maneira tan inxusta e cruel coas nosas vidas e cos nosos salarios”.