O persoal de GT Motive inicia un calendario de paros e mobilizacións en demanda dunha suba salarial digna
Os traballadores e as traballadoras de GT Motive iniciaron este venres un calendario de paros e mobilizacións para reclamar salarios dignos que permitan, cando menos, garantir o mantemento do poder adquisitivo. O paro, que se desenvolveu das 10 ás 15 horas, tivo un seguimento maioritario e foi acompañado dunha concentración diante das instalacións da empresa en Campolongo (Pontedeume). De non producírense avances na negociación, os paros e as protestas repetiranse os días 16 e 17 de febreiro.
Miguel Huguet, delegado de persoal pola CIG, explica que os salarios da maioría do cadro de persoal están precarizados debido ás cativas subas pactadas no convenio de referencia (o estatal de Artes Gráficas) e ás dificultades económicas que atravesou a empresa. Isto provocou que, ano tras ano, o persoal fora perdendo poder adquisitivo, agravándose a situación a causa da crise actual e o medre imparábel da carestía da vida "que afecta en maior medida aos salarios máis baixos".
Para reverter esta situación e ante a previsión de que no convenio de Artes Gráficas (en proceso de negociación) se pactarán subas de miseria, o comité promoveu unha negociación coa empresa para reclamar un incremento salarial que permitira recuperar e manter o poder adquisitivo dos soldos. Esta negociación levou a que GT Motive aplicara un incremento para o ano 2023 que en parte compensa o aumento do IPC "pero que suporía consolidar a perda do 5,4% da capacidade adquisitiva dos dous últimos".
A este respecto, Miguel Huguet apunta que, logo da crise vivida, en 2021 o grupo Allianz X fíxose con GT Motive e nestes momentos a empresa goza dunha situación económica favorábel, polo que non se entende a negativa da dirección a asumir unha suba salarial digna.
O centro de traballo de Pontedeume é o meirande dos que ten a empresa no Estado, ao contar cuns 200 traballadores e traballadores. Ademais, a compañía, do sector TIC e con departamentos de sistemas, documentación e atención telefónica, ten unha proxección de negocio moi positiva para os vindeiros anos cunha forte entrada e consolidación en diversos países.
Por estas razóns, o persoal rexeita a actitude miserenta da empresa e, de non producírense avances, os paros e as concentracións continuarán até conseguir un incremento salarial digno que permita facer fronte ao alto custe da vida.