O persoal de GFS segue en loita polos seus dereitos, contra a represión e para que non se permitan empresas piratas no sector
O pasado venres día 20 tivo lugar unha nova concentración dos traballadores de GFS Security no acceso a Reganosa e Forestal del Atlántico en Mugardos (do Grupo Tojeiro), para reclamar os seus dereitos laborais que veñen sendo vulnerados dende o pasado mes de outubro, cando iniciaba a prestación de servizos de seguridade na comarca en substitución da anterior empresa Prosetecnisa. Esta última empresa saía do servizo deixando unha débeda de preto de 250.000 euros a todos os traballadores e traballadoras na provincia da Coruña, ao non abonar os salarios do mes de setembro xunto ás respectivas liquidacións.
Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos de Ferrol, explica que en datas recentes, a Inspección de Traballo da Coruña facía responsábel a actual empresa, GFS Security, da débeda deixada por Prosetecnisa e da que debería de facerse cargo GFS de acordo co disposto no artigo 44 do Estatuto dos traballadores e traballadoras.
A semana pasada a Inspección de Traballo remitiulle unha comunicación dándolle un mes de prazo para efectivizar o pago dos salarios pendentes, debendo acreditar ante este organismo público os recibos de salarios e os respectivos pagos a todos os traballadores/as na provincia da Coruña e non soamente a aqueles pertencentes ao Grupo Tojeiro.
O incumprimento por parte de GFS desta obriga antes da data sinalada, subliña Rodríguez, "sería considerada como a comisión dunha falta moi grave no seu grado máximo, tendo aparellada unha sanción de entre 120.000 e 225.000 euros, destacando como feitos agravantes a reiteración na falta do pago durante os meses de outubro, novembro, decembro e xaneiro, o número de traballadores afectados, e a cantidade deixada de pagar".
Persoal de toda a provincia afectado
Outros centros de traballo afectados e incluídos nesta orde ditada pola Inspección de Traballo da Coruña, na que se inclúen a preto de 100 traballadores e traballadoras, serían os polígonos industriais de Bergondo, Espírito Santo, Alvedro, Piadela, o centro loxístico de MRW en Ledoño e a planta de Vertex Bioetanol Galicia en Teixeiro.
Todo este persoal de seguridade atópase na mesma situación que o persoal vinculado ao Grupo Tojeiro a través das empresas Reganosa e Forestal del Atlántico en Mugardos, a sede central de GADISA en Betanzos, INTASA en San Sadurniño, Galparket nas Pontes, UNEMSA en Carballo e os diferentes supermercados e áreas comerciais situados en Ribeira, Carballo, Cee, Teo, Catabois e Freixeiro en Ferrol.
A día de hoxe, tense constancia do pago excepcional a algún traballador na provincia da Coruña, "pero por cantidades que non se corresponden cos salarios deixados de recibir no mes de setembro, reducíndose eses importes entre 200 e 300 euros a cada persoa traballadora por parte da empresa GFS, continuándose na mesma situación de falta de pago en toda a provincia".
Para o representante da CIG, con estes movementos a empresa podería estar tratando de transmitir a impresión de que está a cumprir coas súas obrigas, ante a orde ditada dende Inspección de Traballo, "pero tan só hai que lembrar a proposta que estaba a facer a empresa nos actos de conciliación, cando estaba a admitir a súa responsabilidade pero soamente ofrecía como pago aos traballadores a cantidade de 100 euros ao mes durante tres ou catro anos".
A Fiscalía investiga un posíbel delito de falsidade documental
Aínda estando en minoría, a CIG, a través da súa representación na empresa, actuou dende o primeiro momento ante a situación de atraso no pago dos salarios por parte de Prosetecnisa, que comezaron xa no mes de xullo, presentando denuncia na Inspección de Traballo e dando a coñecer publicamente o conflito laboral. Conflito que se agravou coa entrada no servizo de GFS Security Group, a causa da política de represión contra o persoal en loita.
Lembra Xabier Rodríguez que se presentou denuncia ante a Fiscalía pola presunta comisión dun delito de falsificación documental, a través do cal GFS accedería á clientela que tiña Prosetecnisa na provincia da Coruña. Esta denuncia foi admitida pola Fiscalía ao comprobarse a existencia de indicios da comisión dun delito "que afectaría tanto á empresa GFS como ás persoas físicas que cometesen esta suposta falsificación documental".
Represión ao persoal e despedimento dun membro do comité
Ademais, tanto dende a empresa de seguridade como clientes a quen lle presta servizo como Reganosa, "daban paso no mes de outubro, e con menos de dúas semanas de contrato, a represión cara un dos membros da CIG no comité e traballador destinado nas instalacións de Reganosa, suspendéndoo de emprego durante dous meses e sen ningún tipo de xustificación nin defensa posíbel, e procedendo ao seu despedimento no mes de decembro a pesar da súa condición como representante legal do persoal".
"Se cadra as funcións destes representantes non están a ser ben vistas, sobre todo cando se están a denunciar supostos delitos que acabarían afectando o persoal, ou como no caso de clientes coma Reganosa, que presumen de cumprir cun código ético propio a través do que velan polo cumprimento dos dereitos e obrigas tanto do seu persoal como nas empresas contratistas, pero que na práctica estas garantías de calidade desaparecen ao consentir que as súas contratas incumpran reiteradamente as obrigas salariais co persoal, deixándolles de pagar os seus salarios durante cinco meses", critica Rodríguez.
Apunta á responsabilidade das empresas que contratan os seus servizos con compañías pirata como GFS, xa que no caso do Grupo Tojeiro, "tiña puntual coñecemento desta situación, soamente polas concentracións que se estaban a realizar no acceso as súas instalacións dende o pasado mes de outubro". Neste senso, critica que, na vez de obrigar a cumprir coas obrigas legais, as empresas cliente afondan no conflito "solicitando o despedimento dos traballadores que estaban a defender os dereitos laborais dun colectivo", e que continuaban acudindo aos seus postos de traballo aínda cando estaban sen cobrar os seus salarios.
Responsabilidade das empresas que contratan os servizos
De feito, indica Rodríguez, se a actual empresa "estaba chamada a ser unha empresa ponte para continuar co contrato que deixou Prosetecnisa pola súa situación económica, administrativa e xudicial, tendo como data de finalización o pasado 31 de decembro, empresas como Reganosa ou aquelas vinculadas ao Grupo Tojeiro, optaron por premiar coa continuidade a GFS Security, aprobando a ausencia de calidade na prestación dos seus servizos, as continuas infraccións administrativas e laborais en relación cos dereitos dos traballadores".
Iso sen esquecer as investigacións en curso pola presunta comisión de feitos delituosos, "dos cales xa era reincidente noutros lugares coma a Cidade Autónoma de Melilla, onde tamén foi acusada de falsificación de documentos públicos co obxecto de adxudicarse contratos de seguridade cun valor de 9 millóns de euros, pasando a ser investigados tamén pola Fiscalía e acordándose a prohibición de presentarse esta empresa a licitacións públicas nesta Cidade Autónoma de Melilla".
Dous traballadores, en suspensión de emprego inxustificado
Pero non rematar aí as irregularidades. A Inspección de Traballo tamén abriu dilixencias contra a empresa GFS debido a situación denunciada por outros dous traballadores destinados na regasificadora, "que levan preto de catro meses en suspensión de emprego a petición de Reganosa, sen informarlles de cales son os motivos polos que foron apartados, sen recibir ningunha sanción e máis aínda cando xa teñen prescrito o prazo para poder facelo".
A propia Inspección, unha vez lidas as denuncias presentadas, xa solicitou a GFS información sobre a situación destes dous traballadores, posto que a falta de xustificación das medidas adoptadas pola empresa, unida a negativa de darlles información sobre a súa situación, impedíndolles traballar, negándolles o seu dereito a unha ocupación efectiva e mermándolles os seus ingresos salariais, podería ser constitutiva dunha situación de acoso laboral contra ambos os dous traballadores.
Advirte o representante da CIG-Servizos de Ferrol que a empresa podería estar incorrendo nunha falta moi grave "cunha sanción de 7.500 euros e da que tamén tería constancia a propia Reganosa xa que foi a solicitante para que estes traballadores se atopen na actual situación".
Mentres que a empresa GFS está a ser sancionada e investigada por organismos públicos como a Inspección de Traballo, o Ministerio Fiscal ou mesmo os Xulgados do Social, sendo todos eles coincidentes nas irregularidades cometidas por esta empresa, "os clientes parece ser que optan por non querer ver nada do que acontece nos seus propios centros de traballo, continuando co pago puntual e mensual a unha empresa que xa recoñeceu publicamente as súas responsabilidades, pero que non estarían disposta a asumir ningunha delas, optando por continuar co seu enriquecemento patrimonial a través do ingreso periódico das facturas dos clientes, até que finalmente vaian recibindo as respectivas sancións administrativas e sentenzas xudiciais".