GES formula un plan de viabilidade que contempla un ERE, un ERTE e unha redución dos salarios
O persoal do centro de traballo que Global Energy Services Siemsa (GES) ten na Coruña vai iniciar mobilizacións en defensa do emprego e das condición de traballo. A primeira das protestas terá lugar mañá, martes 14 de febreiro, ás 20:00 horas, cunha concentración diante das instalacións de GES no Polígono da Grela (rúa Juan de la Cierva, 42).
Global Energy Services, empresa dedicada ao sector eólico, atópase dende o pasado mes de decembro en concurso de acredores. Dentro deste proceso, a empresa está a formular unha reestruturación laboral mediante a aplicación dun ERE, un ERTE e unha modificación substancial das condicións de traballo (que contempla unha redución salarial dun 5%).
Segundo explica Alberte Amado, da CIG-Industria, GES pretende unha redución do seu cadro de persoal a nivel estatal de 193 traballadores/as, dun total de 615. Isto supón un recorte do 31% dos empregos actuais. No centro da Coruña, a empresa formula unha redución de 16 operarios/as, dos/as 120 que ten (o 13.33% do cadro de persoal).
O resto dos traballadores/as estarían incluídos/as no ERTE de redución de xornada dun 50% ou dun 15% no caso do persoal de mantemento, e tamén lle afectaría a medida de redución salarial do 5% e a eliminación do Bonus.
A empresa, explica, entrou no proceso concursal debido as grandes débedas contraídas, que ascenden até os 237 millóns de euros. Destas, 140 millóns son co único accionista (o fondo de inversión 3i), 72 millóns coas entidades bancarias, 10 millóns con empresas do grupo e outros 15 millóns con provedores.
Ademais, o concurso está proposto con intención de continuidade, "xa que existe un potencial comprador que é a rama industrial do Grupo Cristian Lay. Este grupo a través da súa filial Biges xa se fixo con cinco empresas internacionais do Grupo GES".
Así as cousas, o persoal do centro da traballo da Coruña, onde a CIG ten a maioría da representación sindical, rexeita o plan de viabilidade presentado e acordou mobilizarse co obxecto de reclamar garantías do mantemento do emprego e unhas condicións laborais dignas.