O persoal de Ganomagoga acepta substituír o ERE por un ERTE mentres se leva a cabo a venta do grupo
O cadro de persoal do Grupo Ganomagoga (Talleres Ganomagoga, Logistic, Aplimega e Cedval) aceptou hoxe a proposta do administrador concursal de substituír o ERE extintivo nun ERTE mentres se desenvolve o proceso de venta das distintas empresas co obxectivo de manter o maior número de empregos posíbel. As asembleas de traballadores/as celebradas esta mañá aprobaron por unanimidade a medida unha vez que se lles trasladou a existencia de oito ofertas de compra (cinco por escrito e tres verbais).
Segundo explican na CIG, que preside o comité de empresa, o administrador concursal do grupo con centros de traballo en Ponteareas, Vigo, Mos e O Porriño comunicou onte as ofertas e a posibilidade -xa apuntada anteriormente pola representación sindical- de renunciar ao ERE extintivo para todo o persoal e acollerse a un ERTE de catro meses mentres non se concreta a adquisición. “Neste tempo haberá que definir se a venta se fai globalmente ou por partes e determinar os empregados/as que serán subrogados/as, co obxectivo de manter o maior número de postos de traballo”.
O seguinte paso foi trasladarlle toda a información ao cadro de persoal e someter a decisión de iniciar o proceso ás asembleas de traballadores/as, que optaron de xeito unánime pola proposta. “En consecuencia, mañá mesmo asinaremos a acta para que o administrador concursal presente o ERTE no xulgado no menor prazo posíbel”.
Filtracións á prensa
Nas asembleas celebradas esta mañá saíu a relucir o malestar de boa parte dos empregados/as de Ganomagoga polas continuas filtracións a determinados medios de comunicación que se están a producir por parte de responsábeis de CCOO, sobre todo tendo en conta que teñen lugar antes mesmo de que o comité de empresa poida informar os propios/as traballadores/as.
Neste senso, dende a CIG lembran que o sindicato estatal conta unicamente con 2 dos 7 representantes do comité, “e un deles nin sequera participa nas negociacións aducindo cuestións médicas, cando pola contra si que acude á mesa do convenio provincial do metal”. De feito, é a central nacionalista a que está a levar o peso tanto das negociacións como das mobilizacións dende o inicio.
En consecuencia, apelan á “responsabilidade” e manter o respecto polos traballadores/as afectados/as, “que teñen que ser os primeiros/as en coñecer a información da que dependen os seus empregos para poder decidir sobre o seu futuro”.