O persoal de Galpgest retoma as protestas na defensa dos seus dereitos e a readmisión do compañeiro
Persoal da estación de servizo que Galpgest xestiona na A-6 en Guitiriz (dirección A Coruña) concentrouse esta tarde para reclamar a readmisión do compañeiro despedido, o cese das sancións e unhas condicións laborais dignas. A protesta repetirase este luns, día 17, pola tarde.
A FGAMT-CIG de Lugo denuncia que dende que Galpgest asumiu a xestións destas instalacións o pasado ano os problemas son constantes, e xa dende o primeiro momento se negaron a asumir os dereitos adquiridos que tiña o persoal con anteriores empresas.
Critica que política laboral de Galp nas estacións consiste en impor o medo e tratar que o persoal renuncie a facer calquera reivindicación e neste contexto, a empresa comezou a impoñer sancións inxustificadas e aplicou un despedimento "que unicamente persegue atemorizar o persoal".
Para enfrontar este ataque aos dereitos e os intentos de precarización das condicións de traballo, o persoal acordou retomar as mobilizacións para exixir o cese desta política laboral e a readmisión do compañeiro despedido.