O persoal de Galicia Téxtil reivindícalle á Xunta que faga as xestións ás que se comprometeu
As traballadoras/es de Galicia Téxtil concentráronse o pasado venres diante do edificio da Xunta en Ferrol para exixir a reversión do despedimento colectivo aplicado pola empresa e despois de transcorrida unha semana da xuntanza co director do IGAPE e a secretaria xeral de Relacións Laborais sen recibiren noticias das xestións que a administración se comprometeu a facer.
"Non podemos máis que manifestar o noso malestar co deixamento e a falta de acción que percibimos por parte do goberno da Xunta. Unha vez máis, a Xunta do PP está a amosar a súa incapacidade para actuar fronte a desertización industrial que estamos a padecer na comarca. Enchéselles a boca facendo declaracións propagandísticas, pero cando poden demostrar cos feitos o seu compromiso coa defensa dos postos de traballo non están nin se lles agarda", critican dende a representación do persoal (UGT e CIG).
Neste senso, o persoal agarda que a autoridade laboral teña en conta as irregularidades producidas no transcurso da negociación do ERE, así como a inexistencia das causas alegadas pola empresa, para paralizar o despedimento colectivo ."De non ser así, estariamos diante dun uso perverso da lei por parte da empresa e dun mirar para o outro lado da administración".
Debate na Comisión de Industria do Parlamento
Dentro das accións que os traballadores e traballadoras están a levar adiante para reverter o despedimento de 13 compañeiras/os, demandar a intervención da Xunta e garantir o futuro industrial da fábrica de Neda, a representación sindical acudirá este mércores ao Parlamento de Galiza. Ese día debaterase na Comisión de Industria unha proposta non de lei presentada polo BNG, na que se insta o goberno galego a facer as xestións necesarias diante da empresa para salvar os postos de traballo.
De igual xeito, ínstase a Xunta a que revise a concesión do uso da presa do Rei por parte de Galicia Téxtil, no caso de que a empresa non se comprometa co mantemento do emprego na factoría.