O persoal de Galicia Téxtil mobilízanse en defensa do emprego tras rematar sen acordo o ERE
Os traballadores e as traballadoras de Galicia Téxtil iniciaron mobilizacións este venres diante da fábrica de Neda en defensa dos empregos e da actividade produtiva, logo de rematar sen acordo o período de negociacións do ERE de extinción, que finalmente suporá o despedimento de 13 das 36 persoas que forman o cadro de persoal.
Dende o comité (UGT e CIG) rexeitan totalmente esta medida e lamentan o talante pouco negociador da dirección, que se negou a avaliar medidas alternativas menos lesivas para o persoal como un ERTE rotatorio durante un ano.
Período este, explica Francisco Cartelle, secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, no que a compañía podería acometer o cambio de modelo produtivo que quere levar adiante, pero de maneira que resulte menos traumático e mantendo o emprego. Mais, engade, tendo en conta que o cadro de persoal xa está moi axustado tras do acordo de prexubilacións do ano 2019.
Intervención da Xunta
Dende a representación sindical instan a Xunta de Galiza, que ten as competencias en materia de industria, a intermediar na busca de solucións que afiancen o proxecto industrial de Galicia Téxtil mantendo os postos de traballo e o tecido produtivo de Ferrolterra, unha comarca que xa está "industrial, económica e socialmente moi deprimida".
A este respecto, lembran que Galicia Téxtil leva beneficiándose moitos anos da explotación dun recurso natural público dos galegos e galegas como é o río Xuvia, no que produce electricidade coa que alimenta á factoría, "polo que entendemos que isto ten que conlevar por parte da Xunta a exixencia á empresa de contrapartidas que se deben concretar nun compromiso firme e decidido co mantemento e creación de emprego na fábrica téxtil. Nisto é evidente que a Xunta ten moito que dicir".
As mobilizacións seguirán a próxima semana
Os traballadores e traballadoras de Galicia Téxtil van defender os seus postos de traballo, porque entenden que a viabilidade da fábrica e o futuro da empresa son compatíbeis co mantemento da totalidade dos empregos actuais.
Así, á concentración realizada este venres na fábrica situada en Xuvia (Neda) seguiranlle protestas diarias ao longo da vindeira semana e outro tipo de accións que se irán acordando nos próximos días.