O persoal de Galicia Téxtil continúa as mobilizacións para esixir a retirada do ERE
Os traballadores e as traballadoras de Galicia Téxtil continúan coas mobilizacións en rexeitamento ao ERE e á falta de vontade negociadora da empresa na busca de medidas alternativas coas que afrontar o cambio de modelo produtivo que pretende levar adiante. O calendario de mobilizacións continuará ao longo desta semana e do próximo luns e o comité tamén vai facer entrega das alegacións ao expediente.
Así mesmo, estase á espera de que a Consellaría de Economía, Empresa e Innovación concrete data para a reunión que lle solicitou o comité, "pois como titular das competencias en materia de industria, a Xunta de Galiza debe buscar solucións que afiancen o proxecto de Galicia Téxtil e para o mantemento dos postos de traballo e do tecido produtivo da comarca de Ferrolterra".
A representación social considera que os datos económicos entregados pola empresa durante o período de consultas "non xustifican en absoluto medidas extremas de axuste de persoal". Neste senso, sinalan que gran parte das perdas declaradas "están baseadas en datos subxectivos, fóra do negocio de explotación; é dicir, débense a partidas que nada teñen que ver nin coas vendas, nin cos gastos de persoal, ademais consideramos que estas partidas non están suficientemente documentadas".
Esta cuestión, xunto con outras abordadas no período de negociacións, están recollidas no escrito de alegacións que o comité vai rexistrar este xoves no edificio da Xunta en Ferrol, dirixido á Inspección de Traballo, para que se teñan en conta por esta no preceptivo informe do expediente do ERE, no sentido de razoar que o despedimento colectivo non ten xustificación.
A representación social subliña a necesidade de retirar o ERE e apostar por unha suspensión temporal e rotativa dos contratos de todo o persoal mentres se consolida o anunciado cambio produtivo. E dende a UGT e a CIG faise un chamamento a todos os traballadores e traballadoras a secundar las mobilizacións e emprazan a toda a cidadanía da comarca a apoiar a loita deste persoal na defensa dos seus postos de traballo "porque defender Galicia Téxtil tamén é defender a comarca".
Calendario de mobilizacións
- 4 de febreiro, concentración ás 11:30h no edificio da Xunta de Ferrol, onde se rexistrarán as alegacións ao ERE.
- 5 de febreiro, mobilización ás 13:00h diante da praza do Concello de Neda, onde o persoal será recibido polo alcalde e onde se fará un mural tecido.
- 8 de febreiro, concentración ás 12:00h diante do Concello de Narón.