O persoal de Froiz do Marco baralla intensificar as protestas para lograr a equiparación salarial

Os traballadores/as desenvolveron unha nova concentración diante da empresa de alimentación
Pontevedra - 30 Mai 2024

O cadro de persoal do almacén de Froiz no Marco, en Pontevedra, abordarán en asemblea levar a cabo medidas de presión máis contundentes -sen descartar mesmo unha convocatoria de folga- no caso de que na vindeira xuntanza a empresa non accede a rematar coa discriminación salarial que padecen con respecto aos seus compañeiros/as  do almacén de Lourido. Os traballadores/as desenvolveron onte unha nova concentración diante das instalacións da empresa de alimentación para reclamar a equiparación de soldos ao berro de “A igual traballo, igual salario”.

Porque os empregados/as desta plataforma loxística, arredor de 75 persoas, ingresan de media uns 200 euros menos ao mes que o persoal de Lourido pese a desenvolver o mesmo traballo. Discriminación que se remonta a 2020 coa adquisición por parte de Froiz das instalacións que pertencían á cadea de supermercados Moldes, tras o que subrogou o cadro de persoal.

O ano pasado formouse por primeira vez un comité de centro, no que a CIG ten 4 representantes. Comezouse a reivindicar entón a equiparación salarial mediante a aplicación dos pluses por riba do convenio que ten o persoal de Lourido, que desenvolve o mesmo traballo que o do Marco.

Na actualidade hai tres categorías laborais nos almacéns (carretilleiros, separadores e condutores). O persoal do situado en Lourido ingresan uns 200 euros máis ao mes de media mediante os pluses vinculados a cada unha desas categorías. “Intentamos chegar a un acordo coa empresa, pero evitaban falar do tema, e intentamos tamén formar unha mesa de negociación, pero negáronse. Entón entregamos unha proposta por escrito, pero non contestaron". Por iso o persoal optou por iniciar unhas mobilizacións que agora se poderían intensificar -mesmo cunha convocatoria de folga- no caso de que a empresa non dea pasos na próxima para rematar con esta discriminación.