O persoal de Fresno Metal mobilízase contra a represión laboral e os despedimentos
Nos últimos meses, a empresa botou a máis dunha ducia de persoas que participaron activamente na folga do metal da Coruña
Persoal de Fresno Metal, arroupado por compañeiros e compañeiras do sector, mobilizouse este venres en rexeitamento á represión laboral que está a exercer a empresa (do Grupo Malasa), que nos últimos meses despediu a máis dunha ducia de persoas traballadoras, a maioría das cales tiveron unha participación moi activa nas pasadas folgas e mobilizacións polo convenio do metal da provincia da Coruña.
Con motivo da celebración dos actos de conciliación dos despedimentos, o comité desenvolveu unha concentración diante do SMAC da Coruña para trasladarlle o apoio ás compañeiras e compañeiros afectados e o cese desta conduta antisindical por parte da empresa.
Posteriormente, a protesta trasladouse ás portas de Fresno Metal no Polígono de Acevedo, en Cerceda, onde, aproveitando o cambio quenda, se fixo un reparto de follas informativas entre o cadro de persoal e unha concentración.
Con estas accións, o comité quixo amosar o seu absoluto rexeitamento a esta actuación represiva, e cun evidente carácter exemplarizante, contra as persoas traballadoras da empresa polo simple feito de exercer os seus dereitos e loitar por un convenio colectivo con condicións laborais e salariais dignas.
Explicaron que Fresno Metal pretende xustificar os despedimentos nunha suposta baixada da produción, cando está externalizando carga de traballo que até agora se realizaba nas propias instalacións a outras compañías da comarca, e mentres obtén substanciosos beneficios.
Advertiron que hai uns meses xa se viviu un intento de desfacerse dun membro do comité mediante unha manobra de revogación e agora entre as persoas despedidas atópase persoal que saíu na defensa deste compañeiro negándose a asinar a súa revogación, e que durante a folga do metal formou parte activa dos piquetes informativos despregados polos polígonos da comarca.
Diante disto, o comité reiterou que non tolerará ningunha actuación que atente contra os dereitos e liberdades sindicais e reclamou o ceso inmediato dos despedimentos. Neste sentido, tamén chamaron á solidariedade e á unión do conxunto do persoal fronte aos ataques patronais, as presións e os intentos de castigar a quen loita pola mellora das condicións laborais.