O persoal de FerroGlobe protesta polo bloqueo da negociación colectiva e as propostas salariais de miseria
Traballadores e traballadoras de FerroGlobe concentráronse esta tarde diante da fábrica de Sabón (Arteixo) en resposta ao bloqueo da negociación colectiva e para reclamar melloras salariais. A protesta desenvolveuse coincidindo co cambio de quenda e de xeito simultáneo nos distintos centros de traballo do grupo empresarial, agás na mina de Serrabal (Ramsa) onde o persoal fixo a protesta na xornada de onte, martes.
O presidente do comité, Armando Platas (CIG), explica que esta é a primeira mobilización que se convoca ante a parálise na negociación do acordo marco e dos convenios colectivos de cada centro de traballo, pero non se descarta intensificar a conflitividade se na reunión fixada para mañá xoves, FerroGlobe teima nas súas propostas.
"Levamos negociando xa 18 meses e de momento non houbo avances. Os incrementos salariais que ofrece a empresa son irrisorios: conxelación para o ano 2023 e para o ano 2024 unha porcentaxe mínima que nin se aproxima ás previsión que hai do IPC", denuncia Platas. Ademais, critica que FerroGlobe non quere abordar a negociación doutros conceptos retributivos nin melloras de carácter social e laboral. "Ao contrario, as propostas que fixo eran para recortarnos os dereitos que xa temos".
A parte social demanda un incremento salarial cando menos igual ao IPC de 2023 e negociar subas para 2024, 2025 e 2026 acordes á inflación. A este respecto, o presidente do comité lembrou que a compañía ten "uns excelentes resultados económicos" e que a alta dirección repartiu "bonus estratosféricos".
No caso da factoría de Sabón (na que traballan 150 persoas entre persoal fixo e eventual), despois do ERTE aplicado, nestes momentos atópase "a pleno rendemento e con moitos beneficios". "Grazas ao noso sacrificio a empresa bateu récord históricos de beneficios, liquidou practicamente toda a débeda e agora reparte bonus entre a dirección, mentres que para os traballadores e as traballadoras non hai nada", censurou.