O persoal de FerroGlobe continuará as mobilizacións contra o bloqueo da negociación colectiva
Os traballadores e as traballadoras da mina de cuarzo de Serrabal e da fábrica de Sabón de FerroGlobe continuarán a próxima semana coas mobilizacións para reclamar o desbloqueo da negociación colectiva e reclamar un incremento salarial xusto. O persoal concentrarase o martes 4 de xuño ás 14h na entrada da mina e o mércores 5, á mesma hora, fará o propio diante da factoría de Arteixo.
A representación social denuncia que a dirección segue negándose a negociar un incremento dos salarios vinculado cando menos ao IPC, nin a negociar unha porcentaxe de suba que garanta o mantemento do poder adquisitivo das traballadoras e traballadores.
Diante desta parálise, acordouse proseguir coas asembleas e concentracións nos diferentes centros de traballo do grupo empresarial e non se descarta a convocatoria de paros laborais durante o próximo mes de xuño.
Critican a negativa da empresa a presentar propostas dignas malia os excelentes resultados da compañía "que en 2023 obtivo uns beneficios récord cun Ebitda de 315 M$, superando as súas expectativas do primeiro trimestre de 2024 de 100 a 170 M$".
A este respecto rexeitan a "mala fe negociadora" de FerroGlobe impoñendo liñas vermellas e negándose a aceptar as distintas propostas trasladadas pola parte social dende a constitución da mesa en xaneiro do pasado ano. Propostas todas elas, engaden, "dirixidas a mellorar o poder adquisitivo e as condicións laborais e sociais das persoas traballadoras do grupo".