O persoal de Ferroatlántica trasládalle a preocupación pola posíbel venda das centrais e das fábricas aos grupos parlamentares
O comité de Ferroatlántica Cee, Dumbría e Centrais Hidroeléctricas mantivo este venres reunións cos catro grupos parlamentares para trasladarlle a súa preocupación pola previsíbel venda do complexo industrial e dos saltos de auga e reclamarlles que esixan á Xunta de Galiza que faga valer as cláusulas concesionais para evitar esta segregación encuberta.
A sección sindical da CIG advirte que con esta operación (á que se sumaría á venda de Fertiberia), o Grupo Villar Mir pretende afrontar parte da millonaria débeda adquirira noutros sectores do grupo, nomeadamente pola construtora OHL. "Os últimos movementos realizados na empresa apuntan a que Ferroatlántica pretende vender en conxunto as fábricas e as centrais a Ferrovial para despois, recorrendo a subterfuxios legais, quedar coa produción dos fornos mentres Ferrovial explota as centrais", denuncia Alfonso Mouzo, voceiro da CIG en Ferroatlántica.
Esta manobra, advirte, suporía unha segregación encuberta ilegal xa que os termos da concesión vinculan especificamente a produción de enerxía coa de ferroaliaxes. De feito, engade Mouzo, as centrais construíronse para fornecer de electricidade as plantas, "non para facer negocio coa enerxía". Ademais, subliña, de consumarse esta ilegalidade estaríase pondo en serio risco a viabilidade das fábricas de Cee e Dumbría e o mantemento dos empregos.
A Xunta ten as competencias
Dende a sección sindical da CIG apelouse á responsabilidade do Goberno do PP, que ten as competencias sobre as explotacións hidroeléctricas e da mina de cuarzo adxudicadas á Ferroatlántica. Neste senso, recordaron que hai dous anos, a Xunta outorgoulle a concesión de tres novas centrais "que Ferroatlántica explota sen crear nin un só posto de traballo".
De igual xeito, denuncian que o Grupo Villar Mir explota a mina de cuarzo de Serrabal coa que abastece fábricas de fóra do noso país, ao tempo que ten parados fornos nas súas plantas galegas e mesmo desmantelou o proxecto FerroSolar que estaba desenvolvendo en Sabón (Arteixo).
Xunto a isto, Mouzo subliña que a compañía goza da concesión dun porto de titularidade autonómica en Brens, ligada á actividade nas fábricas de ferroaliaxes. Polo que se preguntou que vai pasar con esta infraestrutura de levarse adiante a venda.
Nas xuntanzas, a representación social tamén trasladou ás forzas políticas o malestar polo atraso na aprobación do estatuto do consumidor electrointensivo, que o Goberno español mantén nun caixón, así como a preocupación xerada tras coñecerse as condicións da nova poxa de adxudicación da interrompibilidade, que rebaixa os prezos e o número de bloques.
O martes, Ferroglobe presenta resultados
O próximo martes, Ferroglobe (matriz de Ferroatlántica) presentará a conta de resultados do primeiro trimestre e os traballadores e traballadoras temen que a empresa aproveite esta data para facer o anuncio de venda da fábricas e as centrais da Costa da Morte. "Mais non temos nada confirmado", critica Mouzo, quen explica que hai uns días o presidente de Ferroglobe, Javier López Madrid, estivo de visita na zona "e a pesar de que se reuniu co alcalde de Dumbría non accedeu a ter unha xuntanza co comité, malia que así llo pedimos".
A representación social desconfía que esta viaxe tivera só como fin unha entrevista co alcalde de Dumbría. "Non nos sorprendería que tamén tivera falado coa Xunta e por iso demandamos tanto da empresa como do Goberno galego que nos expliquen que están facendo, que plans hai para as fábricas e as centrais e por que tanto escurantismo".
Concentración ás portas da fábrica
Así as cousas, os traballadores e traballadoras continuarán esta tarde co calendario de concentracións en rexeitamento á segregación encubertas das centrais, para esixir a posta en marcha dos fornos parados e na defensa do emprego e a actividade industrial na comarca.