O persoal de Ferroatlántica acorda novas protestas e non descarta convocar folga
As asembleas de traballadores/as de Ferroatlántica Cee-Dumbria-Centrais Hidroeléctricas acordaron un novo calendario de mobilizacións para o mes de xaneiro e non descartan mesmo a convocatoria de folga se a empresa non cesa nas súas pretensións. O persoal despediu o ano cunha nova concentración este venres diante da fábrica de Brens.
O Comité tamén acordou remitir un escrito á dirección da empresa en Madrid "en contestación á convocatoria de reunión que tiña previsto celebrar os vindeiros días 3 e 9 de xaneiro, en relación ao falso plan industrial".
Neste senso, no escrito denuncian que non se pode entender como "plan industrial" un proxecto baseado na venda das centrais hidroeléctricas, xa que na realidade se trata dun "plan de reconversión e desmantelamento".
"O Comité defende todo o diálogo que sexa necesario para negociar un verdadeiro plan industrial para Cee e Dumbría, que deberá asentar sobre unha base previa clara e inequívoca: a empresa respecta o actual marco legal, polo tanto, desiste da venda das centrais e asume a non segregación", aseveran.
Ligado a este principio, a representación social entende que o financiamento deste plan ten que abordase a través dun plan plurianual de reinversións das actividades e beneficios xerados polas concesións.
Concentracións os días 13 e 27
As concentracións aprobadas para o mes de xaneiro seguen o formato das realizadas en decembro, polo que se desenvolverán os venres 13 e 27, diante da fábrica de Brens.
Porén, dende o Comité advirten que convocarán folga "se a empresa non desiste da intención de vender as centrais".