O persoal de Faurecia Escapes desconvoca a folga tras o acordo coa dirección que garante a carga de traballo e o emprego
O acordo final entre o comité e a compañía produciuse tras dúas 'maratonianas' xornadas de negociación e foi asinado esta mesma mañá no AGA pola parte social e a empresarial. Deste xeito, Faurecia Escapes garante que nos vindeiros anos haberá carga de traballo suficiente para manter o actual nivel de emprego na fábrica.
A decisión de convocar a folga adoptárase despois de que PSA Peugeot Citroën lle adxudicase a un competidor a fabricación dos sistemas de escape do novo proxecto K9 e tras comprobar que dende a dirección de Faurecia, coa que o comité mantivo catro xuntanzas, non se garantía a carga de traballo suficiente para manter o actual cadro de persoal nos vindeiros anos.
Mais o inicio do paro, previsto para o pasado martes, non se chegou a concretar xa que a empresa se amosou disposta a negociar e a medida de presión foi suspendida polo persoal. As partes mantiveron longas xuntanzas durante dúas xornadas que finalmente permitiron chegar a un acordo que fixo posíbel a desconvocatoria da folga.