O persoal de Extel secunda unha xornada de paros parciais contra os abusos patronais e por unhas condicións dignas
As traballadoras e os traballadores de Extel na Coruña están secundando este martes unha xornada de paros parciais de dúas horas en rexeitamento aos abusos patronais, a imposición de expedientes disciplinarios con ameazas de despedimento, as modificacións arbitrarias das quendas e funcións, a carga de traballo excesiva, as presións continuadas ou os descontos nos incentivos.
Os paros estanse desenvolvéronse de 11:30 a 13:30 horas na quenda de mañá e de 17:30 a 19:30 horas na quenda de tarde. E de xeito paralelo, as delegadas e delegados do comité de empresa realizaron sendas concentracións diante das oficinas de Extel en Matogrande (A Coruña), para visibilizar a conflitividade laboral que existe na empresa.
Ademais, os paros e as concentracións terán continuidade o vindeiro martes 22 de decembro no mesmo horario.
Dende o comité explican que se acordou convocar mobilizacións ante os ataques de Abai Group "chegou a Extel a comezos deste ano aparentando unha boa faciana" mais que na realidade só busca empeorar as condicións de traballo para tirar máis beneficio. Neste senso, denuncian que nas últimas semanas a dirección abriu varios expedientes disciplinarios a traballadores/as, con ameaza de despedimento, que remataron coa imposición de sancións.
Ao tempo, a empresa comunicou modificacións substanciais de cambios de quenda e funcións a varias compañeiras/os, atrásase de seguido no pago das retribucións variábeis e incumpre a capricho sistema de incentivos imposto por ela. Xunto a isto, o comité denuncia as ameazas e presións como política habitual, os cambios constantes e arbitrarios de departamento sen dar a formación adecuada; falta de tempo destinado a facer trámites administrativos ou unha carga de traballo desmesurada "cunha presión constante que acaba coa nosa saúde".