O persoal de Extel secunda de xeito masivo os paros contra a precariedade e os despedimentos arbitrarios
As traballadoras e traballadores de Extel na Coruña iniciaron este xoves un calendario de mobilizacións en resposta á precariedade laboral que sofren e reclamar a dignificación das súas condicións laborais e salariais. Neste xornada están realizando paros de unha hora por quenda de traballo e concentracións diante da empresa, coincidindo coa folga parcial do mediodía e da tarde.
Á este mobilización (convocada pola representación da CIG, CCOO e UGT no comité) seguiralle unha xornada de folga de 24 horas o día 16 de maio, outra de paros parciais o xoves 23 e unha nova folga de 24 horas o venres 31 de maio. Con estas protestas o persoal volve denunciar os despedimentos arbitrarios; a carga de traballo excesiva baixo presión constante; o impago incorrecto dos incentivos e as mudanzas aleatorias dos criterios para o seu cálculo; a falta de formación; os impedimentos para conciliar a vida laboral e familiar; os cambios constantes de departamento; que se obrigue a atender chamadas e ao tempo facer trámites administrativos; ou que a empresa non cumpra cos acordos asinados.
O deterioro é tal, subliñan, que mesmo os postos de traballo non reúnen as condicións hixiénicas axeitadas e incluso os medios materiais están en mal estado.
Á resposta aos abusos da empresa queda reflectida este xoves no seguimento masivo que están a ter os paros en cada unha das quendas. Mentres que na da mañá a folga parcial foi secundada polo 75% dos/as traballadores/as, na da tarde o paro chegou até o 80%. Neste senso, dende a sección sindical da CIG chaman a dar unha resposta aínda maior no resto das xornadas de folga "para que a empresa vexa que non imos tolerar esta escravitude".
Nula vontade negociadora da empresa
A sección sindical da CIG explica que o desencadenante que levou a maioría do comité a convocar este novo calendario de mobilizacións foi a apertura dun expediente disciplinario "cheo de bazofias e mentiras" a unha traballadora, xusto tres días antes de manter unha reunión coa dirección "pola que estivemos agardando seis meses". Con esta decisión, censuran, a dirección amosou o seu nulo interese por intentar mellorar tanto as condicións de traballo como as relacións laborais.
Para manter dita reunión, o comité esixiu a retirada inmediata do expediente porque "non podíamos seguir falando doutros conflitos cando tiñamos enriba da mesa o posto de traballo dunha compañeira e sen saber o futuro do resto". Finalmente, a xuntanza non se chegou a celebrar porque a empresa se negou a retirar o expediente. Porén, resulta moi significativo que o responsábel enviado por Extel dende Madrid manifestara que só acudía ao centro da Coruña para coñecer o clima laboral, mais non para negociar nin chegar a acordos, xa que, segundo informou, carecía de poder de decisión.
Pero ademais, Extel (do sector dos centros de chamadas e que conta con arredor de 600 empregadas/os na plataforma da Coruña) procedía o pasado martes a despedir á compañeira á que lle abrira expediente "baseado en mentiras e falsos argumentos sen sentido".