O persoal de Estrella Galicia mobilizarase o 12 de decembro para reclamar o seu dereito a conciliar a vida laboral e familiar
Os traballadores e as traballadoras de Hijos de Rivera vanse mobilizar o próximo 12 de decembro para reivindicar o seu dereito á conciliación laboral e familiar. A protesta, convocada pola sección sindical da CIG (que ostenta a maioría absoluta no comité de empresa), iniciarase ás 13:00 horas cunha concentración diante do museo Estrella Galicia-MEGA, á que lle seguirá unha manifestación polo Polígono da Agrela (Rúa José María Corral até a rotonda de Galeileo Galilei e Gambrinus e posterior volta pola mesma rúa).
A sección sindical da CIG explica que a decisión de iniciar mobilizacións se acordou nunha multitudinaria asemblea de traballadores e traballadoras celebrada en novembro no edificio sindical e tras realizar a pertinente consulta co conxunto do persoal. Con esta protesta, a primeira que se recorda na fábrica, "queremos que a empresa escoite os nosos problemas e necesidades e deixe de tomar decisións unilaterais que só buscan aumentar a produción para cumprir obxectivos a custa dos nosos dereitos e do noso lombo", critican.
As principais demandas refírense ás dificultades coas que se atopan as traballadoras e traballadores para conciliar a vida laboral e familiar pois é a empresa a que fixa o calendario anual de vacacións de cada persoa; modifica os horarios laborais ao seu antollo e sen negociar; non elabora un calendario anual de traballo nas distintas seccións que lle permita ao persoal organizar a súa vida; hai problemas para cumprir cos descansos semanais; e por se non fora abondo, a empresa pode recorrer a un sistema de preavisos obrigatorios para ordenar acudir a traballar incluso en festivos e cunha escasa marxe de aviso.
A representación da CIG (que entrou por vez primeira no comité nas eleccións celebradas en maio pasado) denuncia que estes abusos son posíbeis grazas a un convenio colectivo "que se firmou de segundas e empregando o engano" e que lle permite á empresa aplicar calquera tipo de cambio nos horarios e quendas.
Os e as delegadas da CIG levan dende o 30 de xuño demandando a Hijos de Rivera que escoite e atenda os problemas do persoal, pero a empresa "nin escoita, nin ten vontade de solucionar nada. Ten formulado o seu sistema de traballo, agarrándose a un convenio que lle permite todo, e amosando unha enorme desconsideración cara aos seus traballadores e traballadoras, a quen en ningún caso ten en conta".
Esta actitude abusiva co cadro de persoal choca de fronte coa imaxe de modernidade, de gran familia e de compromiso social que Estrella Galicia proxecta nas súas millonarias campañas publicitarias.