O persoal enfermeiro da área sanitaria de Vigo denuncia a precariedade na que traballa
Representantes da CIG-Saúde de Vigo compareceron hoxe en rolda de prensa xunto a integrantes do colectivo de enfermaría da área sanitaria de Vigo para denunciar as condicións de precariedade nas que desenvolven o seu traballo como consecuencia da política de recursos humanos da Xerencia da EOXI. A eventualidade na contratación provoca incerteza laboral, imposibilidade para conciliar, estrés e ansiedade, o que fai que moitas/os profesionais abandonen as listas do Sergas e opten pola sanidade privada.
Na comparecencia diante dos medios de comunicación as afectadas/os lembraron que nas últimas semanas a EOXI de Vigo aplicou medidas excepcionais pola falta de profesionais nas listas de contratación que incluíron a denegación de permisos, vacacións e mesmo de permisos de conciliación tanto ao persoal fixo como eventual.
“Pouco nos sorprende a falta de autocrítica e análise ante a gravidade da situación, porén nos preocupa porque só desta forma poderemos mellorar unha realidade laboral que nos prexudica a nós como profesionais e tamén á calidade asistencial”, indican.
Entre os principais problemas que padece o colectivo citan as elevadas porcentaxes de eventualidade, nomeadamente no ámbito hospitalario, onde hai plantas nas que as eventuais superan con moito as fixas/os. En moitas ocasións, co sistema acordeón que aplica a Xerencia, ábrense plantas pechadas de forma habitual por aumento de picos de gripe ou de actividade cirúrxica que son atendidas exclusivamente por persoal eventual que prorroga día a día o seu contrato.
Neste senso, sinalan que nos últimos anos a eventualidade aumentou de forma significativa debido á escaseza de convocatorias e prazas nas OPE, “e as taxas de reposición serviron para precarizar as condicións laborais e a aumentar o negocio privatizador”.
Denuncian que a eventualidade aumentou pola falta de convocatorias e prazas nas OPE e que a taxa de reposición precarizou as condicións laborais
De feito, lamentan que ser enfermeira/o eventual signifique nestes momentos “estar durante anos (a media é de máis de 10) a contratos por días ou por semanas e pendentes do teléfono de forma permanente xa que non contestar supón unha sanción que penalizan coa non contratación”. O persoal vese obrigado a traballar cada día nun servizo diferente, “con todo o que isto implica”, ademais de padecer que se lle contrate durante a semana e se lle dea de baixa a fin de semana, “o que significa que non temos os descansos asegurados”.
"Denegando vacacións, permisos de conciliación, en definitiva, os dereitos que temos, non van solucionar o problema. A Xerencia ten que sentarse cos sindicatos a negociar, pero para iso ten que ser consciente do problema que hai, porque senón vai ir a máis", sosteñen.
Critican que o Sergas lle bote a culpa á OPE de que non haxa enfermeiras/os nas listas nestes momentos, "algo que non é certo xa que o problema ben de antigo; o problema é a política de recortes que levamos anos padecendo".
Trasvase de persoal para a privada
De feito, explican que moitas enfermeiras/os que estaban nas listas do Sergas marcharon a centros privados porque polo menos poden conciliar. "Prefiren traballar nunhas condicións laborais peores (salarios máis baixo e xornadas máis longas) para poder conciliar".
Como consecuencia, a conciliación da vida laboral e familiar faise practicamente imposíbel ao non coñecer na maioría das ocasións as carteleiras e días de traballo, “non podendo planificar as as obrigas con fillos/as ou maiores, situación que se agrava en familias monoparentais”.
Ao mesmo tempo, inciden en que a falta de persoal enfermeiro non é un problema que apareza na actualidade, xa que o pasado ano restrinxiuse a normativa de vacacións por este motivo, “incluso denegándolle ao persoal fixo e con contratos de longa duración a posibilidade de gozalas no Nadal, o que provoca un empeoramento das condicións das persoas contratadas neste período”.
Culpan disto á mala xestión dos recursos humanos por parte do Sergas, “situación que no caso da EOXI de Vigo empeora tamén as condicións de traballo do persoal fixo e interino, ao que lle denegan permisos, vacacións, conciliacións, etc.”
Con todo, auguran que esta problemática vai ter o seu punto crítico o vindeiro 12 de maio cando milleiros de enfermeiras/os se examinen en Silleda para acceder a unha das prazas convocadas na Oferta Pública de Emprego (OPE) “xa que nos nosos hospitais evidenciarase a precariedade máis absoluta na que se atopa o persoal fixo, que terá que traballar ao completo para manter os coidados continuos que precisan os nosos doentes”.
Dende a CIG-Saúde entenden que non hai solucións máxicas a esta situación, “xa que todo pasa por convocar unha OPE coas prazas necesarias para acabar coas altas taxas de eventualidade, ofertar mellores condicións nos contratos que permitan estabilizar os cadros de persoal e a conciliación das traballadoras/es e recuperar e mellorar os dereitos laborais”.
Tamén aproveitaron a rolda de prensa para amosar o seu apoio á iniciativa 'OPE en Negro' promovida por AENSAC e Eventuais en Loita e adiantan que “as enfermeiras/os que nos imos presentar á OPE do 12 de maio acudiremos de loito para visibilizar a nosa indignación polas convocatorias mínimas dos últimos anos e para reivindicar unha sanidade pública galega, digna, competente e de calidade e que se convoquen en oposición todas as prazas de enfermeira/o que se xeraron nos últimos anos”.