O persoal de Emafesa inicia mobilizacións en demanda dun convenio con salarios dignos

Concentráronse diante do Concello de Ferrol, xa que o alcalde preside o Consello de Administración da empresa
Ferrol - 29 Mai 2025

Traballadoras e traballadores de Emafesa concentráronse esta tarde diante do Concello de Ferrol para reclamar un convenio colectivo que garanta a recuperación do poder adquisitivo dos salarios e unhas condicións laborais dignas. Esta é a primeira protesta convocada polo comité, que xa avanzou que intensificará as mobilizacións e non descarta a convocatoria de folga se o Consello de Administración segue sen atender as súas demandas.

Hai que lembrar que Emafesa é a empresa mixta que xestiona o servizo de auga do Concello de Ferrol e o seu Consello de Administración está presidido polo alcalde de Ferrol. Por iso, o lugar escollido para esta primeira concentración foi a Casa Consistorial, onde o persoal criticou as manifestacións feitas polo Goberno municipal do PP nos últimos meses, sinalando “que non teñen intención de mellorar as nosas condicións laborais, chegándose incluso a afirmar que por fortuna o persoal sigue a cobrar a fin de mes”.

Ademais, o persoal aproveitou para asistir á sesión do pleno municipal que se celebraba esta tarde e onde se ía debater unha moción a respecto da situación laboral en Emafesa. O presidente do comité, José María Mata (CIG) tomou a palabra no pleno para explicar os motivos do conflito, como son as condicións de traballo, que demanda o persoal e reclamarlle ao Goberno local que atenda as reivindicacións do persoal e a súa responsabilidade como parte maioritaria da empresa mixta.

Unha proposta que non responde ás demandas do persoal

O comité rexeita a proposta de convenio presentada pola empresa – “de xeito consensuado co Concello de Ferrol”, xa que non responde ás reivindicacións sociais. “Nin incide na recuperación do poder adquisitivo perdido, nin garante un sistema de promoción profesional obxectivo e xusto como o que cabería agardar dunha entidade con maioría de capital público”, salienta o comité.

Destacan que nos últimos anos o persoal perdeu arredor do 13% do seu poder adquisitivo, porque os incrementos pactados nunca chegaron a compensar o aumento real do custe da vida. A isto súmase o malestar xerado polo feito de que “determinadas persoas acceden a melloras económicas a través de promocións profesionais sen regulación coñecida, sen procesos públicos e sen respectarse o principio de igualdade de oportunidades”.

Os traballadores e as traballadoras lembran que prestan un servizo público esencial, e que este se garante “grazas ao compromiso permanente do seu cadro de persoal”. Por iso, reclámanlle á empresa que presente unha proposta seria, que responde ás demandas sociais, permita mellorar as condicións económicas e laborais e chegar a acordo.