O persoal de Elinco rexeita o ERE de extinción ao entender que a empresa ten viabilidade
No día de onte, despois de tres reunións e ante o inmobilismo patronal, o comité e a dirección de Elinco Construciones Eléctricas daban por pechadas sen acordo as negociacións do ERE de extinción. A empresa xa comunicou a súa intención de despedir a todo o cadro de persoal e que comezará a enviar as cartas de despedimento o vindeiro 31 de xullo, coa intención de efectvizar os ceses o 16 de agosto. Unha medida que os traballadores/as rexeitan por entender que a empresa é viábel e que o verdadeiro obxectivo deste procedemento é substituír a Elinco por outra sociedade do mesmo grupo.
Ramón Fernández, da CIG-Industria de Ferrol, reiterou que durante as negociacións, a dirección de Elinco non entregou a documentación obrigatoria, pois faltan as contas auditadas e tampouco presentou o plan de recolocación. Pero ademais, a memoria presentada "é absolutamente contraditoria coa proposta de extinción da totalidade dos contratos, xa que fala explicitamente da viabilidade da empresa".
Nas xuntanzas, a dirección, unha vez máis, volveu manifestar a súa intención de solicitar de xeito inminente concurso voluntario de acredores e a liquidación da compañía. Unha ameaza que "non merece o noso crédito", xa que se converteu nunha afirmación recorrente nos últimos seis meses "que nunca acaba de concretarse".
Transvase a outra empresa do grupo
Fernández Alfonzo reitera que sobre o todo este proceso planean o transvase de contratos e mesmo de persoal de Elinco a outra empresa do grupo, Innain, que nos últimos tempos viña realizando traballos para clientes a quen habitualmente lle prestaba servizos Elinco. De feito, no informe contraditorio elaborado polo comité, especifícase que xusto antes da presentación do ERE, 15 traballadores de Elinco "estaban a realizar tarefas destinadas a un contrato con Megasa que actualmente xestiona Innain"; unha situación que, afirman, se repite tamén noutros contratos.
A maiores destaca que Elinco tamén realiza para Innain os proxectos técnicos de enxeñería, as labores comerciais e as básicas de facturación e administración, ao carecer esta última firma de persoal de oficina; compartindo ambas empresa tamén as instalacións e os equipos de traballo de Elinco, "absolutamente inevitábel por canto o mesmo persoal realiza tarefas indistintamente para unha ou outra compañía".
Confusión de persoal, patrimonial e contábel
Para o representante sindical faise evidente que o nacemento de Innain- hoxe convertida en competidora- se fixo a conta dos traballos e dos recursos económicos de Elinco, "polo que non podemos estar para nada de acordo co expediente de extinción".
Denuncia que as contas trasladadas pola dirección do Grupo Elinco e de Innain non recollen transaccións, nin operacións con partes vinculadas, "o que reforza a nosa convicción de que estamos perante unha confusión total de persoal mais tamén patrimonial e contábel".
Neste senso, Fernández Alfonzo salienta que o verdadeiro obxectivo deste "aparente caos" é a "substitución de Elinco por Innain no tráfico económico e comercial", tal e como evidencia o feito de que esta última sociedade está chamando ao persoal eventual que Elinco despediu hai dúas semanas para ofrecerlles traballo nun contrato dun cliente "para quen este mesmo ano aínda prestaba servizos a propia Elinco".