O persoal de ElectroRayma esixe solucións que garantan o mantemento dos empregos e o cobro dos salarios
Os traballadores e traballadoras de ElectroRayma continúan coas mobilizacións para esixir solucións que garantan a continuidade dos seus empregos e poder cobrar os seus salarios, diante do conflito xerado entre Navantia e a súa auxiliar e o embargo decretado sobre as contas da empresa.
Este venres o persoal marchou en manifestación dende a porta principal de Navantia até a porta do estaleiro, onde colgaron os buzos de traballo das reixas. Dende alí continuaron a marcha até o edifico de Facenda ante o que realizaron unha concentración.
Cómpre lembrar que ElectroRayma e Navantia teñen un conflito aberto xa que a auxiliar lle reclama catro millóns de euros por traballos realizados a maiores do contrato durante a construcións dos AOR australianos. Unha cantidade da que Navantia só recoñece unha parte. As discrepancias entre ambas compañías complícanse polas débedas de ElectroRayma con Facenda que ordenou o embargo das contas da empresa e o bloqueo dun millón de euros.
A pesar da incerteza absoluta na que viven os traballadores/as e da falta de cobro dos seus salarios, non se achegou ningún tipo de solución a un conflito que é totalmente alleo ao persoal, pero do que é primeira vítima. Por iso, insisten en que "faremos todo o que sexa posíbel para que esta comarca non perda outros 150 postos de traballo e faremos todo o que estea nas nosas mans para que isto non suceda".
Apelan á responsabilidade do goberno español e da Xunta na defensa dos empregos e da actividade produtiva nunha comarca tan deteriorada como a de Ferrol, que vive nunha sangría laboral permanente. Neste senso denuncian que se deneguen para os estaleiros da Ría de Ferrol a construción dun BAM cando se anuncian proxectos deste tipo noutros estaleiros do grupo; a perda constante de emprego en Navantia e nas súas auxiliares; os incumprimentos de investimentos para novas infraestruturas contempladas no plan estratéxico, como o dique cuberto; ou que nos orzamentos do Estado só se consignen 100 millóns de euros para as fragatas "cando todas e todos sabemos que a construción dunha fragata vale máis de 800 millóns".
Por iso, esixen solucións inmediatas para ElectroRayma e medidas que doten de futuro a comarca.