O persoal de Edyproga irá á folga en defensa do emprego e exíxielle a Alcoa que cumpra os compromisos
Edyprogra SL, empresa que se dedica o mantemento eléctrico na planta de alumino de San Cibrao, comunicou o despedimento de seis traballadores/as aducindo a drástica redución do volume de gasto en investimento por parte de Alcoa este pasado verán. Isto, explica a representación da CIG, provocou que a empresa "non recibise nin un só pedido por parte da principal durante os meses de agosto, setembro e outubro".
En resposta a estes despedimentos inxustificados e á situación que se está a xerar, o persoal irá a folga indefinida 1 hora ao día, dende o martes 22 de outubro, e organizará manifestacións e concentracións para demandar unha solución inmediata para os compañeiros e carga de traballo.
A CIG-Industria advirte que esta situación non afecta só a Edyproga, senón tamén a outras auxiliares como Cotelsa "que tamén se viu forza a cortar a subcontratación con Edyproga debido á falta de carga de traballo". Neste senso, exíxelle a Alcoa que "asuma as súas responsabilidades, cumpra cos compromisos asinados e reactive os investimentos necesarios para garantir a estabilidade laboral das empresas auxiliares".
Crise nas auxiliares
A CIG-Industria xa alertara dunha posíbel crise nas auxiliares de Alcoa ante a falta de carga de traballo e o incumprimento de compromisos por parte da empresa principal. A confirmación destes seis despedimentos "constitúe unha advertencia do risco que corre todo o tecido industrial vinculado a Alcoa" e reflicte os efectos da inacción de Alcoa no cumprimento do acordo asinado en decembro de 2021, que incluía compromisos clave para garantir o futuro da factoría.
No que respecta ás empresas auxiliares, explica a CIG-Industria, o acordo contiña garantías de facturación nos anos 2022 e 2023 e de contratos até decembro de 2024 daquelas empresas afectadas polo cese temporal, que tiñan como obxectivo garantir a estabilidade laboral até finais deste ano. Tamén incluía medidas que proporcionarían carga de traballo suficiente para manter o emprego a longo prazo.
Pero Alcoa "non está a cumprir varios destes compromisos, como é a reconstrución do forno de cocción de ánodos, e a incerteza sobre o futuro das auxiliares está a medrar, especialmente agora que as garantías para o persoal destas empresas está a piques de rematar". O que máis preocupa á central nacionalista non é só o remate deste punto do acordo, "senón que, ao longo destes anos, Alcoa non fixo o necesario para garantir que as auxiliares teñan traballo suficiente".
Agora vense as consecuencias: empresas como Edyproga comezan a despedir "e isto pode ser só o comezo dun efecto dominó que afectará a mais traballadores e traballadoras se non se toman medidas de inmediato".
Por iso, a CIG Industria, esíxelle a Alcoa que reaccione con urxencia, que cumpra cos seus compromisos e que realice os investimentos necesarios, especialmente no forno de cocción de ánodos. De igual maneira, a central sindical tamén reclama a implicación do Goberno central e da Xunta de Galiza para garantir a continuidade laboral de todo o persoal directo da factoría.
Apoio da sección sindical da CIG en Cotelsa
A sección sindical da CIG de Cotelsa trasladou a súa solidariedade cos compañeiros despedidos de Edyproga así como do resto dos compañeiros e compañeiras "cuxos postos de traballo están en serio perigo".
Critican a actitude que Alcoa está a mostrar e que pon en perigo centos de postos de traballo nas empresas auxiliares de San Cibrao. No caso de Cotelsa "xa estamos afectados directamente por esta problemática, que comeza a afectar á gran maioría das empresas auxiliares de Alcoa San Cibrao, e só medidas como o adianto de vacacións están permitindo amortiguar o problema".
A representación da CIG subliña a vontade de colaboración e piden ao resto de persoal da empresa e do complexo industrial solidariedade coas medidas que desenvolvan os compañeiros/as de Edyproga