O persoal de DomusVi mantén as protestas ante a falta de propostas para mellorar os calendarios
Traballadoras e traballadores da residencia DomusVi de Viveiro continúan coas mobilizacións en rexeitamento aos abusivos calendarios impostos pola empresa, toda vez que na xuntanza do pasado día 8, a dirección mantivo unha postura inmobilista pretendendo que o comité asinara as carteleiras de todo o ano 2019, malia estar pendente de resolverse a demanda de conflito colectivo sobre descansos e compensación de festivos.
Dende a parte social, explica Susana Riveira, da CIG da Mariña, a dirección do centro quería que os acordos acadados a principios de febreiro en materia de cambios de quenda (está negociado que se poderán facer até seis cambios cada mes) estarían condicionados a esa sinatura das carteleiras.
Neste senso, sinala que o comité acudiu á reunión "pensando que as mobilizacións terían feito reflexionar algo á dirección e que poñería solucións reais enriba da mesa", mais nada disto ocorreu, polo que as protestas seguirán os días 21 e 28 de maio, con concentracións diante da residencia das 14:15 ás 15:30 horas.
Xuízo polo conflito colectivo sobre descansos e compensacións
A respecto dos motivos do comité para negarse a asinar as carteleiras que pretendía a empresa, Riveira lembra que xa consta en acta que a asemblea de traballadoras deu a conformidade a prorrogar as carteleiras de 2018, polo que, mentres non se negocien unhas novas "esas están plenamente en vigor e non entendemos que haxa que poñer por escrito o mesmo dúas veces".
Ademais, o próximo 20 de xuño está fixado o xuízo do conflito colectivo referido a descansos e compensación de festivos (puntos onde hai gran discrepancia coa empresa) e en función do resultado deste, os calendarios poden variar substancialmente. Polo tanto, engade a representante sindical, non ten sentido asinar a estas alturas unhas carteleiras que nun mes poden quedar obsoletas.
Neste senso, a representación social pregúntase se a intención da empresa é 'curar en saúde' e ter as carteleiras asinadas para todo o ano, de maneira que a sentenza do xuízo non as altere.
En todo caso, "e en aras de normalizar o clima de traballo e de distender as relacións coa dirección", o comité propuxo (se así o ratifica a asemblea de persoal) asinar as carteleiras prorrogadas de 2018 como carteleiras para o ano 2019, "sempre e cando se poña no acordo unha cláusula de que estas serán revisábeis e se terán que adecuar ao resolto en dito conflito colectivo".
Porén, esta proposta non foi aceptada, de momento xa que a representación da empresa legou non alegou non ter capacidade de aceptala sen consultar á dirección superior.