Persoal de DIGI mobilízase na Coruña contra o convenio de empresa asinado por CCOO e UGT
Persoal de DIGI mobilizouse onte a última hora da tarde diante da tenda de telefonía da rúa Juan Flórez da Coruña para amosar o seu rexeitamento ao I Convenio Colectivo de empresa asinado en Madrid por CCOO e UGT o pasado mes de xullo sen contar coa opinión nin coa participación das persoas traballadoras afectadas no conxunto do Estado, e moi especialmente na Coruña, onde ninguén foi consultado, tal e como denuncian dende o comité, composto maioritariamente por representantes da CIG.
O texto asinado supón un grave retroceso nos dereitos laborais, recortando condicións salariais, compensacións por desprazamentos e dereitos en materia de vacacións. A situación é tan grave que incluso dentro da propia CCOO se teñen escoitado críticas contra este acordo.
En Galiza, e nomeadamente na Coruña, traballan máis de 200 persoas para DIGI, mentres que a nivel estatal a cifra elévase até as 8.000. Ante esta agresión, o comité da Coruña xa puxo o convenio en mans dos servizos xurídicos da CIG, que están a preparar a súa impugnación legal para tombalo nos tribunais.
Calendario de mobilizacións
En defensa dos dereitos laborais e contra este convenio imposto, o comité continuará co calendario de mobilizacións nas seguintes datas e lugares da Coruña, Arteixo e Compostela:
- 21 de agosto| Diante da tenda de DIGI, Rúa Barcelona nº 48A, A Coruña | 19:00 a 20:30 h.
- 24 de agosto | Fronte o estadio de Riazor, no paseo marítimo | 16:00 horas
- 26 de agosto| Diante da porta principal do C.C. Marineda City, Estrada Baños de Arteixo nº 43, A Coruña | 19:00 a 20:30 h.
- 28 de agosto| Diante da tenda de DIGI, Rúa República do Salvador nº 12, Santiago de Compostela | 19:00 a 20:30 h.
- 2 de setembro| Diante da tenda de telefonía de DIGI, Rúa Juan Flórez nº 74, A Coruña | 19:00 a 20:30 h.
- 4 de setembro| Diante da tenda de DIGI, Rúa Barcelona nº 48A, A Coruña | 19:00 a 20:30 h.
Dende a CIG lembran que a negociación colectiva non pode facerse de costas ao persoal nin servir de ferramenta para recortar dereitos. “DIGI e os sindicatos asinantes son responsábeis dunha agresión laboral que terá resposta nas rúas e tamén nos xulgados, da man dos nosos servizos xurídicos”, advirten dende a central sindical.