O persoal de Detegasa e Procofe irá á folga este xoves pola falta de negociación do calendario laboral
OS traballadores e as traballadoras de Detegasa e Procofe (empresas dedicadas ao deseño e instalación de todo tipo de sistemas para a industria naval) irán á folga este xoves, 8 de febreiro, ante a falta de negociación do calendario laboral para este 2024. A decisión foi adoptada xa o pasado 23 de xaneiro e ratificada na asemblea celebrada este mesmo mércores.
A representación do persoal denuncia a actitude da dirección de Detegasa e Procofe (empresas que comparten a mesma xerencia, con sede no Polígono de Río do Pozo) por denegar a posibilidade de negociar ningún tipo de proposta sobre o calendario laboral. "Alegando motivos de axenda non sentou con nós até o 10 de xaneiro Debido a isto, segundo dixeron, víanse na obriga de comunicar con anterioridade o calendario laboral".
Sete días de exceso de xornada
Cómpre salientar que, para este 2024, o exceso de xornada suporía sete días completos que, engadidos aos 24 laborais de vacacións que lle corresponde ao persoal, suman 31 días. "A proposta da empresa foi darnos eses sete días de exceso saíndo uns minutos antes cada día. Por motivos obvios, ao final a xente raras veces sairía con eses minutos de antelación e a empresa remataría por quedarse con esas xornadas que nos corresponden por lei", explican.
En datas recentes, a representación social mantivo dúas xuntanzas coa dirección para tentar chegar a un acordo "nas que a empresa non se moveu nin un ápice e fomos a RLPT quen modificamos á baixa a nosa proposta inicial, pero tampouco lles serviu".
Por se non fora abondo, a empresa promoveu votacións a man alzada entre o persoal da oficina técnica, do departamento comercial e doutros departamentos, nas que formulou escoller entre dúas propostas de calendario elaboradas pola propia compañía, obviando a proposta feita pola parte social. Un feito que consideran "moi grave" por canto a empresa decidiu de xeito unilateral saltar a representación legal das traballadoras e traballadores e a negociación "a través dunha votación que non ten validez ningunha, feita a man alzada diante da xefatura e mesmo deixando de lado a todo o persoal do taller coa intención de fomentar a división".
Coacción da empresa
A representación de Detegasa e Procofe denuncia que "máis que votación foi unha coacción" e advirten que non van tolerar este tipo de actuacións. "Se a empresa quere seguir negociando na procura dun calendario que nos beneficie a ambas as dúas partes, estamos en disposición de sentar as veces que sexa preciso, pero se continúa con esta actitude de coacción e imposición, intensificaremos tanto as accións sindicais como legais".
Neste senso, lembran que a lei recolle que o calendario deberá ser negociado entre ambas as dúas partes, empresa e representantes do persoal, e aínda que no caso de non chegar a acordo a empresa quedaría facultada legalmente para impor a súa proposta, "se non estamos de acordo, tamén temos dereito a adoptar as medidas legais e/ou sindicais que consideremos oportunas".